Dous premios Laus para Novagarda e Cenlitros
A nova edición dos Premios Laus organizados por ADG FAD premiou o traballo dos nosos socios Xabier Rilo de Cenlitros, e Iago Barreiro e Alberto Carballido de Novagarda, cunha prata e un bronce respectivamente.
Os compañeiros de Cenlitros recolleron un Laus Prata polo traballo de sinaliación elaborado para o Alto Residencial, unha cooperativa de vivendas situada en Santiago de Compostela, onde, a partires da arquitectura propia do edificio, idearon un sistema de identificación de espazos de fácil implementación.
Pola súa banda, Novagarda, levou un Laus Bronce polo deseño da web da investigadora, creadora e xestora cultural Sabela Mendoza. Inspirándose no papel e no analóxico, crearon unha gráfica limpa e asimétrica máis cercana á estética contemporánea na que sobresae a artista.
A gala de entrega de premios tivo lugar no DHub de Barcelona o pasado 12 de xuño onde se premiaron un total de 336 proxectos. O Laus de Honra foi para o deseñador Enric Satué, e o Laus Empresas para Vila Viniteca.
Os Premios ADG Laus de deseño gráfico e comunicación visual recoñecen os mellores proxectos en máis de 50 apartados de once categorías, ademais dos Aporta e Estudantes. Nesta 54 edición, os premios consolídanse como uns galardóns e unha cita profesional claves no sector.