Dúas décadas de traballo asociativo na profesión do deseño
Permanece visitable até o 16 de maio na Fundación DIDAC a mostra conmemorativa do vixésimo aniversario da Asociación Galega de Deseño. Unha andaina que dá conta do valor do traballo colectivo e a importancia das sinerxías en proxectos para o ben común.
Algunhas das persoas asistentes ao final do evento
O Día do Deseño 2026 festexouse dun xeito moi significativo, coa mostra que celebra os vinte anos da DAG. A iniciativa, que conta con financiamiento da Deputación da Coruña e a colaboración de DIDAC, Finsa, Axeitos &Co e Visual MS; leva gráfica expositiva de Irene García (igráfica), quen presidiu a Asociación entre 2018-2022.
Na inauguración fíxose un agradecemento a todas as persoas que perteneceron á DAG como parte dun proxecto de continuidade ao que contribuíron coas súas achegas, propostas e participación; así como mención a aquelas persoas que asistiron á súa fundación e permanecen asociadas: Uqui Permui (primeira presidenta, até 2011, e presidenta da Red Española de Asociaciones de Diseño 2021-2022), Pepe Barro (primeiro vicepresidente), Óscar Otero (presidente 2016-2018), Natalia Crecente, Segundo Fernández, Antonio Doñate, Carlos Hidalgo e Óscar Canal.
As palabras de Barro fixeron referencia á etimoloxía do termo compañeiro/a, «persoas que comparten o pan», espíritu da irmandade profesional que é a Asociación, lembrando o libro-obxecto feito de copia e miolo que con este concepto presentara nunha das primeiras iniciativas da DAG, a exposición «En torno da Baskerville», celebrada no CGAC en 2009.
A ocasión deu para compartir anécdotas arredor dunha liña do tempo que recolle desde os primeiros eventos dedicados ao deseño, á construcción de ferramentas para a investigación e a divulgación como a plataforma AR\DE, Arquivo do Deseño Galego; pasando por foros, talleres, coloquios e mesas de traballo que reflicten as preocupacións do sector en cada momento. Actividades que buscan non só promover os perfís profesionais das personas que integran a DAG, senón tamén velar polas boas prácticas e favorecer a consideración social do deseño nas súa dimensión cultural, patrimonial ou económica.
Un labor que se leva a cabo tamén desde a pertenencia a READ (Red Española de Asociaciones de Diseño), coa creación de textos como o Código Deontolóxico do Deseño, o Manifesto Aberto de Convivencia Ética do Deseño coa IA ou o Pacto polo Deseño, como reclamo dunha estratexia nacional, e tamén autonómica, que potencie a súa capacidade para xerar solucións innovadoras, transversais, inclusivas e sostibles que melloran a vida das persoas.
Para a ocasión, o grupo de traballo do Arquivo pon a disposición de visitantes á mostra parte do seu fondo bibliográfico para consulta. Outros aspectos, como a elaboración dunha folla de sala en linguaxe clara, co asesoramento da Federación Autismo Galicia, mostran o compromiso da DAG co acceso á cultura e a atención á diversidade.