Dúas pezas de Desescribir seleccionadas nos premios anuais do Tokyo Type Directors Club
Os socios Suso Vázquez e Cibrán Rico, do estudio Desescribir, están de noraboa pola recente nominación do libro «Iremos al Sol/Towards the sun» de Regina Giménez e do cartel deseñado para a película ONS, como finalistas dos Premios Tokyo Type Directors Club.
Cartel da película Ons. Foto de Desescribir
Os Tokyo TDC Annual Awards son uns premios de prestixio internacional que se celebran dende 1990. Valoran traballos onde prima a expresión visual e as letras e as palabras toman o protagonismo. Entre os gañadores das últimas edicións están estudios como OK-RM de Londres ou M/M de París. A mediados deste mes de xaneiro comunicarase a selección final do xurado.
O libro «Iremos al sol/Towards the sun», que deseñaron e editaron para Fabulatorio, está coeditado co Museo Patio Herreriano de Valladolid e foi publicado co gallo da exposición que, baixo o mesmo nome, tivo lugar nese museo do 19 de setembro de 2020 ao 17 de xaneiro de 2021. A súa autora, Regina Giménez, é unha artista contemporánea de renome tanto a nivel nacional como internacional, que traballa elementos extraídos do seu contexto natural para reinterpretalos con diferentes técnicas. Por outra banda, o cartel da película ONS, de Alfonso Zarauza, unha das grandes triunfadoras dos Premios Mestre Mateo 2021, xa foi premiado cun Laus de Bronce o ano pasado.
Libro «Iremos al sol». Foto de Desescribir
Fabulatorio é a editora independente que os compañeiros da DAG crearon en 2012, centrada en proxectos sobre arte, deseño e cultura visual. Este libro forma parte da colección Somnámbulo Funámbulo, pezas editadas en cooperación con museos, institucións, colectivos ou persoas individuais. Non é a primeira vez que os seus traballos están nominados a premios de alcance internacional.