100 anos de deseño español: Cataluña e Galicia
As asociacións Círculo Cervantes e Las Lanzas reuniron o pasado 21 de marzo en Eindhoven a profesionais do deseño galego e catalán para ofrecer unha panorámica das súas respectivas historias e debater sobre o estado actual da creación no conxunto do Estado.
Uqui Permui, Jordi Blasi e Jan Joosten, presidente do Círculo Cervantes de Maastricht
A sede da Academisch Genootschap foi o lugar elixido polas asociacións culturais holandesas Círculo Cervantes e Las Lanza para a súa xornada hispánica anual. Coa intención de dedicala desta volta ao deseño, un ámbito arraigado na cultura do seu país e de interese para os seus asociados e asociadas, contactaron con DAG e FAD para colaborar na súa organización.
O evento dividiuse en dúas partes, a primeira dedicada ás revisións históricas dos dous territorios. As intervencións de Uqui Permui, pola banda galega, e Jordi Blasi, pola catalá, ofreceron unha panorámica dos dous contextos na que se puideron trazar as diferenzas e os nexos comúns.
A figura de Castelao, as ilustracións publicitarias para conserveiras, o cartelismos das primeiras campañas turísticas, a relevancia do Laboratorio de Formas, a influencia da artesanía e os oficios tradicionais… converxeron nun relato que trasladou os rasgos dunha identidade que continúa a deixar a súa impronta no deseño galego actual. No seu relatorio, Permui, deixou constancia tamén do traballo das asociacións na dignificación da profesión e da necesidade de iniciativas como AR\DE para preservar o legado patrimonial do deseño e inspirar ás novas xeracións.
Blasi repasou os fitos do deseño catalán, a impulso da industrialización e a creación do FAD como clave na promoción do deseño. Tamén houbo espazo para compartir visións sobre o proxecto de internacionalización de READ From Spain With Design. As intervencións suscitaron a curiosidade das persoas asistentes que dirixiron múltiples cuestións a ambos relatores na quenda de preguntas.
Mariola López (LopezLab) durante a súa presentación
Logo dun xantar de confraternización, procedeuse á segunda parte da xornada que consistiu nunha mesa redonda con profesionais procedentes de España que residen nos Países Baixos. Nacho Carbonell, Miquel Hervás Gómez, Lorena Miguel e a nosa asociada Mariola López uníronse a Uqui Permui e Jordi Blasi para compartir experiencias de traballo, nunha conversa que deixou entrever as diferenzas entre desenvolver a súa actividade na contorna neerlandesa en comparación co contexto orixe.
Queremos trasladar o noso agradecemento pola súa hospitalidade ás entidades organizadoras e por brindarnos a oportunidade de levar a historia do deseño galego a Holanda, celebrando a singularidade da nosa identidade e dando conta non só do valioso patrimonio en deseño do país senón tamén da calidade do traballo que se vén desenvolvendo actualmente en Galicia.