A chegada da imprenta a Galicia

A chegada da imprenta sitúase a finais do século XV, chega a Galiza un pouco máis tarde que a outras áreas da Península da man de impresores estranxeiros que traballaban con imprentas portátiles e baixo o requerimento da Igrexa e a nobreza.

Os primeiros libros impresos en Galiza destináronse ao ámbito eclesiástico e conservaron a tipoloxía dos códices manuscritos, do mesmo xeito que sucedeu no resto de Europa. A escasa produción durante o século XV foi promovida polo Cabildo, o Arcebispo de Santiago de Compostela e polo Conde de Monterrei, movidos pola necesidade de difundir textos litúrxicos.

Na capital galega estímase que a chegada da imprenta aconteceu no 1486. As familias dos Fraiz e os Agueyo fundaron imprentas que perdurarían ata os anos 1831 e 1844. respectivamente. Durante os séculos XVI e XVII a temática dos volumes impresos en Galiza diversificaríase e a Igrexa deixaría de ser o único cliente dos impresores, grazas a que a Universidade encabezaba a produción.

A segunda localidade galega en recibir a imprenta foi a vila de Mondoñedo, na que en 1543 o Licenciado Molina publicou Descripción del Reyno de Galizia, impreso por Agustín de Paz. Descripción del Reyno de Galizia foi o primeiro libro galego moderno promovido por un editor, nun momento no que a Igrexa supoñía o único motor na producción da imprenta. Foi a obra máis vendida da Idade Moderna no Reino de Galicia e tivo tres edicións máis no século XVIII. A particularidade e avance desta obra reside no seu deseño: a obra comeza cunha entrada en verso, un desenvolvemento en prosa de menor tamaño e catro páxinas preliminares en letras romanas.

Esta sería a primeira ocasión na que en Galiza non se compón un libro con letra gótica. De acordo con Soto Freire, naquel momento as imprentas galegas estaban escasamente surtidas de caracteres, séndolles case imposible compoñer e imprimir dous pregos ao mesmo tempo. Sumado ao illamento xeográfico que podía sufrir Galiza nese tempo, a chegada de impresores, caracteres, e demais útiles de imprenta era complexa. É por isto que nos próximos séculos non veremos grandes alardes tipográficos nos volumes, papeis e folletos impresos.

Cara 1544 fúndase en Ourense outra imprenta, da que neste mesmo ano saírían do prelo as Constituciones Sinodales do bispado de Ourense. A impresión foi feita por Vasco Díaz Tanco de Fregenal, chamado en 1542 a Ourense polo bispo D. Francisco Manrique de Lara. Foi Ourense a cidade na que Vasco Díaz pasou máis tempo desenvolvendo a súa labor como impresor, oito anos nos que asentou a súa propia imprenta, tal e como se rexistra no colofón dunha das súas publicacións.

A imprenta non chegou a A Coruña ata 1679, ano do que datan as primeiras ordenanzas da Audencia de Galicia. As seguintes cidades en fundar imprentas serían Ferrol, Lugo, Vigo e Pontevedra.

Os primeiros xornais galegos (1800-1840)

Os primeiros xornais galegos caracterízaronse pola austeridade no deseño. Adoitaban publicarse en formatos pequenos, compostos cunha soa columna de texto e tipografías en serifa, tamén na cabeceira. As cabeceiras estaban formadas polo nome do xornal e ás veces este ía acompañado ben dun subtítulo ou dun motivo ornamental central, un símbolo ou unha ilustración representativos dos ideais ou o propio nome. Exacto Correo de España La Coruña, por exemplo, contaba cunha ilustración da Torre de Hércules.

En ocasións tamén se utilizaban filetes con algún tipo de ornamento para separar as seccións ou o encabezado ou pé de páxina, pois os xornais acostumaban incluír numeración. Tamén se utilizaban para separar o colofón na última páxina, onde se reflexaba o nome e o establecemento do impresor/a en moitos dos xornais.

Fig. 1. Á esquerda, Los Guerrilleros por la Religión, La Patria y El Rey (1813). Neste caso, vemos os datos do impresor e establecemento na primeira páxina. Á dereita, Correo de la Comisión Provincial de Santiago (1812)

Malia que non existiu gran variedade ou diferencia nos estilos compositivos nin tipográficos utilizados nos diferentes xornais, podemos rexistrar o uso de diferentes letras capitulares para destacar a primeira páxina, os inicios ou títulos de sección.

Fig.2. El Sensato (1811)

O primeiro xornal galego foi El Catón Compostelano (1800), impreso por Heredera de Frayz en octava. Debido á invasión francesa, terán que pasar oito anos ata que vexamos outro xornal saír do prelo.

 

Fig. 3. El Catón Compostelano (1800)

En xuño de 1808 aparecen na cidade de A Coruña os primeiros xornais publicados nesta cidade, Diario de La Coruña e La Gazeta de La Coruña.

Fig. 4. Diario de La Coruña, Diario de Santiago e Telégrafo Político y literario de La Coruña. Periódicos da década de 1810

Diario de La Coruña estendería a súa actividade xornalística durante 7 anos, ata 1815. O xornal nace como resposta á invasión francesa, publicábase a diario e o formato era de medio prego en marca española (19x15.5cm). No momento no que os franceses chegan a A Coruña, o director do xornal vese obrigado a fuxir e suspender a publicación. Meses máis tarde, reaparece baixo o nome de Diario del Gobierno de La Coruña cun novo director.

En agosto de 1809 o xornal volve a recuperar o seu nome orixinal Diario de La Coruña, pero volve a cambialo en 1814 por Diario Antiguo de La Coruña. En 1815 deixará de publicarse.

Malia que foron frecuentes os cambios de nome nos xornais, debido a diferentes motivos, case sempre mantiñan o mesmo deseño, isto permitía aos lectores identificalos.

Exacto Correo de España en La Coruña aparece o 22 de decembro de 1810. Este xornal publicábase a diario e tiña oito páxinas impresas en cuarta. A cabeceira estaba composta polo título e unha ilustración central da Torre de Hércules, acompañábao a data e un lema.

Fig. 5. Evolución Exacto Correo de España en La Coruña

En 1812 cambia de nome por El Exacto Diario e voltará a cambiar de nome en 1820 por El Exacto Diario en La Coruña.

Durante as primeiras décadas da prensa galega, o estilo dos xornais continuará a ser semellante, comezaremos a ver deseños máis traballados e composicións a dúas columnas nalgúns xornais, como El ciudadano por la Constitución (1813) e El Conciso Correo de Galicia (1837).

Fig. 6. El ciudadano por la Constitución (1813)

Fig. 7. Á esquerda, El Conciso Correo de Galicia (1837). Á dereita, El Conciso Correo de Galicia, detalle nunha das páxinas interiores. Táboa sobre as Audiencias.

En 1838 vemos as primeiras ilustracións incluídas en prensa, dentro de Semanario Instructivo. Periódico de Agricultura, Ciencias Naturales y Artes.

Fig. 8 Semanario Instructivo. Periódico de Agricultura, Ciencias Naturales y Artes. No prospecto, destaca “y artes” utilizando a mesma tipografía que para o nome, Semanario Instructivo. Foi unha publicación de temática diversa, nela podemos ver ilustracións policromadas e litografías de Ramón Gil Rey.

Referencias bibliográficas

  • Gayoso, E. S. (1990). Historia de la prensa gallega, 1800-1986. Sada, España: Ediciós do Castro.
  • Odriozola, A., & Fernández, J. R. B. (1992). Historia de la imprenta en Galicia. Santiago de Compostela, España: Biblioteca Gallega.

© Las imágenes contenidas en el artículo pertenecen a Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia.