3º Encontro do Deseño Galego de DAG, Cangas
Comezamos o ano falando de deseño no 3º Encontro, que terá lugar en Cangas o vindeiro sábado 18 de xaneiro. Unha ocasión para compartir presentacións, intereses comúns e aprendizaxe conxunta.
Coa celebración deste tipo de encontros a DAG quere deslocalizar as actividades de deseño das urbes galegas achegándoas a outros lugares para coñecer máis sobre a nosa identidade e recursos vinculados á cultura visual, historia e patrimonio.
A xornada, aberta a toda comunidade do deseño e persoas interesadas no noso eido, comezará ás 10.30 h na propia Casa do Concello, coas presentacións de proxectos das asociadas/os Carlos el Rojo (Carloselrojo), Thais Suárez (Sísmica Creativa), Pablo Álvarez (BeDo Creativos), Tania Villamarín (Tania Villaga) e Luis Lago (Lago:Monroy). Seguidamente participaremos nunha dinámica colectiva a modo de debate sobre deseño e futuro, para tratar as inquedanzas e intereses do sector.
Para a tarde están programadas dúas interesantes visitas guiadas, a primeira cargo da asociación cultural «A illa dos ratos» percorrendo o antigo complexo industrial de Massó, que chegou a ser a maior conserveira de Europa a mediados do século pasado. Historia, curiosidades e anécdotas arredor do seu importante papel no desenvolvemento económico e social da vila. E a segunda ao MUVI, Museo do Videoxogo, no que se reivindica o valor cultural e artístico deste medio, ademais da súa capacidade como ferramenta educativa.
O acceso ao encontro é de balde, mais require de inscrición previa a través deste formulario que enlazamos para poder organizar as visitas guiadas que si contan con prazas limitadas por cuestións de loxística. A inscripción estará aberta até as 14.00 h do luns 13 de xaneiro.
A gráfica do evento é do noso socio José A. Pérez Gil (Era Comunicación), natural de Cangas, que fai unha chiscadela dobre ao lugar, coas letras inspiradas no logo da Massó e ao dito popular «A chorar a Cangas», que provén de que a zona era coñecida pola xenerosidade coas pranteiras ou «choronas» ás que se lles pagaba máis ca en ningures, cunha cunca de caldo e un real, polo seu labor de bo falar. Estamos certos/as de que falaremos moito e ben de deseño e que destes encontros saímos todos enriquecidos, tanto por todo o que neles partillamos como pola compaña.
Rematamos agradecendo ao Concello de Cangas a súa acollida e animándovos a facer desta outra celebración do deseño galego.