Encontro Somos memoria… Conversa entre Alberto Corazón e Alfredo Aracil a propósito da creación de Siempre/Todavía
Como preámbulo e presentación da estrea este venres en Compostela da ópera sen voces Siempre/Todavía, o CGAC acolle hoxe mércores 21 de outubro ás 20.30 h un encontro cos seus creadores Alberto Corazón (deseñador) e Alfredo Aracil (compositor).
A ópera ten a súa xénese nos cadernos de traballo que Alberto Corazón foi enchendo de anotacións e debuxos durante a súa estancia en Damasco, con motivo da exposición retrospectiva que o Museo Nacional lle dedicou en 2002 á súa pintura e escultura. Algúns deses textos e debuxos con grafito fan parte do espectáculo e proxéctanse sobre unha pantalla mentres o pianista executa unha partitura composta a partir do libro publicado por Corazón baixo o título de Damasco suite. Trátase de textos escritos in situ, cunha profunda melancolía, sabéndose o autor parte dun lugar no que o tempo está condensado, posto que Damasco é a cidade viva máis antiga do mundo.
Entrada libre ata completar a capacidade da sala