Entrevista a Álvaro Valiño
Álvaro Valiño, nado na Coruña, é Master en Deseño Gráfico polo London College of Communication.Traballa como infografista e ilustrador freelance desde Washington DC e ten colaborado co National Geographic Magazine, Smithsonian Magazine, Corriere della Sera, Courrier International, e a revista Mongolia, entre outros. Foi xefe de infografía no finado diario Público e comezou a súa actividade profesional na sección de gráficos de La Voz de Galicia.
O seu traballo foi recoñecido pola Society of News Design en once ocasións e obtivo 28 premios Malofiej, o galardón máis reputado na infografía xornalística
Impartiu seminarios de gráficos informativos en Madrid, Nova Deli e Kuala Lumpur. O seu traballo foi publicado nos volumes Information Graphics de Taschen e Visual Storytelling de Gestalten.
Máis información:
Quen es e a que te dedicas?
—Chámome Álvaro Valiño e son infografista e ilustrador freelance.
De que vas falar no FEED?
—Vou falar de infografía, unha disciplina de disciplinas que abrangue desde a investigación e a estatística ata a cartografía, a ilustración e, por suposto, o deseño, que nestes tempos de sobreabundancia de datos facilita a súa comprensión.
O que moitas veces se nos presenta como información non son máis que datos sen o tratamento ou o contexto necesarios para que teñan sentido para nós, grandes consumidores e emisores de información. A función do info/grafista e facer este traballo de edición, filtrado e selección, xerando información (info). Esta información é organizada e presentada dun xeito visual (grafia), tirando proveito do sentido de banda larga do ser humano, a vista, o que mellor aproveita o noso cerebro, que é quen de comparar, detectar patróns e absorber información organizada espacialmente.
Que traballo de deseño ou investigación che gustaría ter realizado?
—Estou moi satisfeito co traballo que veño desenvolvendo. Colaborar con medios como National Geographic Magazine é un luxo, pois, ademais de traballar cun contido de gran calidade, do que estás aprendendo constantemente, teñen unha grande audiencia, o que fai que o traballo teña un maior impacto. Creo que se tes a posibilidade de identificarte co contido co que traballas, tratas de dar o mellor de ti, non só como profesional, senón tamén como persoa.