Entrevista a Javier Cañada
Javier Cañada leva practicando o deseño de interacción de forma exclusiva desde 2000. Formou parte do primeiro equipo de HCI de España (IconMedialab). Tras o seu paso por The Cocktail, Indra u 11870.com, funda Vostok Studio, desde onde axuda a corporacións e startups (Filmin, Minube, Ducksboard, BBVA, Movistar, Chicisimo) na súa estratexia de deseño e experiencia dixital.
Firme convencido de que o mellor deseño está na historia (do deseño, da arquitectura ou das ideas), Cañada dedicou parte da súa carreira a formar os mellores profesionais da interacción de España a través do programa Vostok, un curso de deseño que imparte para un grupo reducido de alumnos. Nel busca, de forma case obsesiva, o bo deseño a través da beleza, a utilidade e a estrutura.
Na actualidade, Cañada colabora de forma independente con empresas de presenza global na súa estratexia de deseño, definindo sistemas e experiencias para todos os seus canais dixitais, traballando sempre para os equipos de estratexia e negocio.
Máis información:
Quen es e a que te dedicas?
—Son Javier Cañada, alguén de mente centroeuropea e corazón mediterráneo (crieime na Mallorca rural), obsesionado con encontrar o triángulo de forma, función e beleza, se é que é un triángulo. No terreal iso convértese en axudar a empresas a facer mellores produtos dixitais.
De que vas falar no FEED?
—Quero explorar o camiño para chegar á beleza desde a lóxica, a estrutura... Falarei de deseño de interacción sen ensinar case nada del.
Canto ao taller, gustaríame facer un taller de deseño de información, falar sobre como e cando contar a información de maneira analítica e cando de forma sintética, ver exemplos meus e doutros, algúns clásicos... Tamén introducir os conceptos de visualizacións dixitais e analóxicas e explorar como facer narrativa cos datos. Fixen xa uns cantos proxectos neses ámbitos e creo que pode resultar algo ameno e participativo.
Que traballo de deseño ou investigación che gustaría ter realizado?
—Gustaríame ter traballado deseñando as radios de onda curta da Guerra Fría: aparatos complexos para usos sinxelos, que necesitaban contar as súas capacidades sen intimidar. Tamén me gustaría deseñar os cadros de mando dos últimos coches conducidos por humanos, antes de que cedamos algo tan bonito aos algoritmos.