Entrevista a Massimo Menichinelli
Massimo Menichinelli será o encargado de inaugurar o FEED 2015 co taller Deseñar un Fab Lab ou outro laboratorio para unha comunidade, empezando polos usuarios e acabando co modelo de negocio.
Massimo Menichinelli é un deseñador que investiga e desenvolve proxectos abertos, colaborativos e de codeseño, e sistemas que os fagan posibles desde 2005. Utiliza as ferramentas e procesos do deseño co fin de axudar as empresas, organizacións, cidades e comunidades locais a desenvolver procesos, negocios, servizos, lugares e proxectos abertos e colaborativos como Open Design e Fab Lab. Massimo impartiu conferencias e obradoiros en diversos países, entre eles, Italia, España, Finlandia, Alemaña, O Reino Unido, México, Colombia, Corea do Sur e Singapur. Tamén traballou no desenvolvemento da Aalto Fab Lab e coorganizou o primeiro Open Knowledge Festival en Helsinqui. Deu clases sobre fabricación dixital e deseño de portas abertas na Universidade Aalto (Helsinqui, Finlandia) e Open Design en SUPSI (Lugano, Suíza) e foi instrutor da Fab Academy nos Fab Labs Opendot e WeMake en Milán. Recentemente traballou tamén no desenvolvemento do MUSE FabLab (Trento e Milán, Italia), ademais de no asesoramento a moitos outros laboratorios. Dirixiu a Fundación Make in Italy CDB, onde investigou e facilitou os Fab Labs e Makers de Italia.
Máis información:
Quen es e a que te dedicas?
—Son un deseñador e dedícome a deseñar e facilitar proxectos que poidan involucrar comunidades e mellorar a súa contorna. A miña práctica divídese entre deseño, facilitación e consultoría por un lado, investigación por outro lado e, por último, educación. Estas tres perspectivas axúdanme a entender mellor as dinámicas das comunidades, do mundo Maker e Fab Lab e do impacto dos proxectos.
De que vas falar no FEED?
—Na conferencia vou falar de que o Deseño Aberto / Open Design non é só a publicación dun arquivo, é tamén a construción dunha organización para unha comunidade, que se basee nun modelo de negocio sustentable que proporcione os recursos para que as actividades colaborativas poidan funcionar. Todos estes elementos precisan das relacións entre os participantes da comunidade para poder funcionar, e ao mesmo tempo teñen que ser facilitadas polos proxectos para que a comunidade siga funcionando.
No seminario veremos un posible proceso para deseñar un Fab Lab ou outro espazo / taller para unha comunidade, empezando polos usuarios, as súas necesidades, o contexto, e mirando como podemos desenvolver actividades e modelos de negocio para eles. As tecnoloxías e as infraestruturas son importantes, de feito son os elementos que máis atención atraen, pero son os usuarios e as comunidades os que poden facer que o espazo/taller teña éxito. Veremos como podemos deseñar o espazo e as actividades para eles, e como facer que o sistema sexa sustentable.
Que traballo de deseño ou investigación che gustaría ter realizado?
—Levo dez anos investigando como deseñar procesos e organizacións colaborativas para comunidades. É un tema aínda novo, entre posibles formas novas e estruturas tradicionais. Despois de anos de obradoiros e investigación estou, por fin, desenvolvendo unha ferramenta que facilite o deseño, a análise e a visualización destes procesos e organizacións, co obxecto de que sexa fácil entender como as redes entre persoas nos poden axudar de maneira fácil a organizar comunidades de forma colaborativa.