Entrevista a Óscar Otero
Óscar Otero é un deseñador con máis de doce anos de experiencia no campo da web. A nivel experimental realizou numerosos proxectos como a web tipográfica letrag.com.
É un dos socios fundadores da empresa A navalla suíza, gañadora de varios premios, como o Mestre Mateo 2008 por flocos.tv ou o MIPTV Digital Creativity Festival "Content 360º" de Cannes na categoría "Next generation online video experience" polo proxecto Augmented Films en 2010. Na navalla suíza participou en proxectos web de vídeo, redes sociais, xornais, etc. Compatibiliza o seu labor de deseñador coa de desenvolvedor, o que lle permite ter unha visión máis global e xenérica, non só de como debe ser unha interface, senón de como debe funcionar. Posúe numerosos proxectos open source que se poden descargar en github.
Ademais, deu cursos e conferencias sobre deseño, desenvolvemento web e open video en múltiples lugares: A Coruña, Vigo, Madrid, Sevilla, Bélxica, etc., e escribiu sobre deseño e tipografía en varias revistas.
Máis información:
Quen es e a que te dedicas?
—Chámome Óscar e son unha desas persoas ás que lles gusta facer cousas. Cando era pequeno facía revistas, escribía contos e debuxaba cómics. Non coñecía aínda a existencia do deseño, pero xa o levaba no sangue. Despois metinme no sector das artes gráficas, aínda que durei pouco, porque alí foi onde descubrín o deseño gráfico e deime conta de que encaixaba mellor comigo. Un tempo despois especialiceime na web e comecei tamén a facer algo de programación, en parte para experimentar, e tamén por aquilo de non me converter en escravo dos técnicos.
Tiven moita sorte, porque conseguín dedicarme a algo que me gusta e co que gozo plenamente.
De que vas falar no FEED?
—Vou falar sobre a web e sobre o que eu considero que son os piares fundamentais nos que se sustenta unha boa páxina web: accesibilidade, interactividade e tipografía.
Que traballo de deseño ou investigación che gustaría ter realizado?
—O que máis valoro dun deseño é que sexa útil, que estea centrado nas persoas e en cubrir unha determinada necesidade. Nese sentido, sempre admirei os principios de deseño publicados polo goberno do Reino Unido (https://www.gov.uk/design-principles) e encantaríame que aquí se fixese algo parecido: usar o deseño para solucionar as necesidades da xente, e non para intentar “venderlles” algo, sobre todo vindo de institucións públicas.