Entrevista a Pepe Barro
Pepe Barro (Pontedeume, 1955) é un deseñador gráfico ao que lle gusta tocar todos os xéneros e mesmo mesturar uns cos outros. En case corenta anos de actividade profesional, o conxunto do seu traballo pódese entender como unha lectura da Galicia que quere renovar os seus sinais de identidade, incorporando as linguaxes do deseño internacional.
Como profesional independente, asociado en Grupo Revisión ou desde Barro Deseño realiza algúns dos seus traballos máis coñecidos como o semanario A Nosa Terra, a identidade gráfica da Universidade da Coruña, os primeiros “cuponazos” da Once, a camiseta da Selección Galega de Fútbol, a web da Real Academia Galega ou o proxecto museolóxico e museográfico da Casa de Rosalía.
Entre as moitas exposicións que mostraron o seu traballo, séntese especialmente satisfeito das sete nas que se puido ver a caixa de ovos do Pazo de Vilane. Na rede pódese acceder de balde ao seu libro O como é o que conta (2014), trinta artigos sobre o deseño, a cultura e a imaxe da cultura.
Máis información:
Quen es e a que te dedicas?
—Meu avó paterno inventou con outro socio unha máquina de mallar á que puxeron por marca Campeva, é dicir, Campolongo-Pérez-Varela; meu avó materno, que era comerciante, deseñou unha xaboeira á que chamou Orrab, Barro do revés. Non sei se herdaría algo deles, pero desde os anos setenta fun encarreirando a vida arredor do deseño gráfico.
De que vas falar no FEED?
—Como bo tópico literario, a “novela” comeza na barra dun bar, onde de xeito casual descubrín a autoría do símbolo gráfico de Zeltia. A curiosidade levoume a desenredar o nobelo de por que unha empresa das máis importantes de Galicia, fundada en 1939, ten como nome Zeltia, un xeito de dicir Galicia, e como símbolo gráfico, un tríscele, unha das primeiras veces que esta forma aparece como elemento de identidade, pero non a primeira.
Que traballo de deseño ou investigación che gustaría ter realizado?
—Gustaríame ter deseñado un supermercado, coas marcas de seu, sería como entrar en todas as casas. Na investigación querería rematar unha pequena pescuda sobre a bandeira galega e os seus precedentes, un asunto no que probablemente nunca chegue a dilucidar o porqué da súa forma actual, aínda que quizais poida identificar o seu autor.