Entrevista a Raquel Pelta
Historiadora do deseño, doutora pola Universidade de Barcelona, licenciada en Xeografía e Historia, en Comunicación Audiovisual, en Publicidade e Relacións Públicas. Desde marzo de 2006 é profesora da facultade de Belas Artes da Universidade de Barcelona e membro do grupo de investigación consolidado GRACMON.
Exerceu a docencia na Universidade Rei Xoán Carlos, na escola Elisava, a Universidade de Valladolid e no Instituto Europeo de Deseño de Madrid -onde foi directora académica da escola de másteres-, entre outros centros.
É directora da revista online Monográfica (Premio Cidade de Barcelona 2012) e entre 2001 e 2004, dirixiu a revista Visual.
É fundadora e directora do Congreso Internacional de Tipografía que se celebra en Valencia desde 2004.
Comisariou exposicións, organizou cursos e impartiu conferencias nun bo número de centros e institucións. É autora de numerosas publicacións sobre deseño, entre as que pode destacarse o libro Diseñar Hoy, editado por Paidós.
En 2011, recibiu o Premio Gràffica e en 2015 foi galardoada co Laus de Honor, outorgado por ADG-FAD, en recoñecemento a “unha traxectoria dedicada á historia do deseño español e á súa capacidade para impulsar proxectos ao redor do deseño”.
Máis información:
Quen es e a que te dedicas?
—Son historiadora do deseño e profesora. Investigo na historia das ideas do deseño e no deseño contemporáneo. Interésanme especialmente as relacións entre deseño, sociedade e política, de aí que desde hai moitos anos as miñas investigacións se veñan centrando en cuestións como o deseño activista, a responsabilidade dos deseñadores, o deseño feminista e o deseño para o cambio social.
Alén disto, investiguei outros moitos temas e campos como, por exemplo, a tipografía na era dixital, a historia do deseño gráfico español, o deseño gráfico posmoderno ou as tendencias do deseño gráfico actual.
Polo que se refire ao meu traballo como docente, ao longo da miña traxectoria impartín máis de vinte e seis materias, pero o meu campo de especialidade é a Historia do Deseño, as últimas tendencias do deseño e a investigación do deseño. Sinto auténtica paixón pola ensino, entre outras razóns porque me gusta aprender e como dicía Cicerón, “se queres aprender, ensina”.
De que vas falar no FEED?
—No FEED vou falar dun conxunto de prácticas que, de modo aínda algo confuso, se denominan de diversas maneiras: deseño social, deseño socialmente responsable, deseño para o cambio social, deseño para a innovación social, deseño para o impacto social ou deseño para o ben social. A maioría destas denominacións, similares pero tamén sutilmente diferentes entre si, comparten, entre outros trazos, o emprego de metodoloxías colaborativas á hora de enfocar os proxectos, un interese pola resolución de problemas sociais complexos e a idea de que cómpre deseñar non só “para” senón, tamén e sobre todo, “con”.
Que traballo de deseño ou investigación che gustaría ter realizado?
—Ao longo da miña traxectoria realicei todas as investigacións que quixen realizar porque sempre partiron dos meus propios intereses e motivacións, así que non hai ningunha que me gustaría ter feito. Respecto ás que me gustaría emprender no futuro, dependerán do rumbo que vaia tomando o deseño ou, novamente, daquilo que esperte a miña curiosidade, que é moita.