Estamos desexando que chegue o FEED'17 para escoitar a Francesco e Pablo de relajaelcoco
Francesco Furno e Pablo Galeano cren que calquera proceso de traballo ten que ser, sobre todo, divertido. Con esta filosofía fundaron en 2008 relajaelcoco e levan desde entón demostrando como se fai bo deseño nun ambiente relaxado e descontraído, e cunha metodoloxía coa que todos os implicados (membros do estudio e clientes) gozan da experiencia.
Que pasa? Que non o credes? Ollade para o vídeo, así é un día de traballo en relajaelcoco:
E agora que xa sabedes como traballan, catro apuntamentos rápidos sobre a súa traxectoria:
Francesco Furno e Pablo Galeano son os fundadores de relajaelcoco, un estudio de deseño gráfico localizado agora en Madrid, mais que se creou en Barcelona no 2008, cun enfoque internacional especializado en infografías e deseño editorial.
O nome do estudio resume a súa filosofía vital e laboral: positividade e alegría para conseguiren que os clientes gocen dun proceso de traballo agradábel e enriquecedor. O equipo de traballo case ten unha estrutura de equipo deportivo: 4-1-1 (4 deseñadores, 1 programador e 1 animador) e, segundo o tipo de proxecto, suman máis perfís á familia..
Pablo e Francesco son tamén profesores en distintas universidades e institutos (IE Business School, IED Barcelona, IED Madrid, Universidade de Salamanca, Trazos Pro Madrid, Mr Marcel School Madrid e Domestika.org) onde ensinan Infografía, Técnicas Gráficas, Deseño Editorial e Debuxo Dixital.
Algunhas das empresas coas que colaboraron nestes nove anos son Men's Health, Fast Company, BBC UK, Wired, UK, BBVA, Line, Yorokobu magazine, Jot Down magazine ou Mapping Residencies.