Estreamos outono coa incorporación de Thais Suárez
Estamos moi felices porque a Asociación Galega de Deseño segue medrando coa incorporación de Thais Suárez, e tamén porque seguimos sumando asociadas, conseguindo maior equilibrio de xénero e aportando talento. Con moita ilusión, dende «sísmica», Thais aborda proxectos de dirección de arte, deseño e organización de eventos. Benvida!
Aos meus compañeiros e compañeiras de DAG,
O meu nome é Thais, son directora de arte e agradezo poder formar parte dunha asociación que axuda a escribir a historia do deseño galego, coidando da nosa profesión, e que, ademais, brinda compañeirxs maravillosxs cos que medrar.
Sobre min, podo contarvos que empecei estudando deseño na Marcelo Macías (Coruña) e fixen un Máster en Dirección de Arte por Elisava (Barcelona). A miña primeira oportunidade foi en La Voz de Galicia, e dende entón tiven a sorte de traballar en empresas como Caramelo, Uniter, Eosa ou PM International, entre outras. Tamén desenvolvín proxectos e exposicións pola miña conta, fun seleccionada como artista emerxente en 2019 no «EAN9» da Ciudade da Cultura, e fun parte activa da iniciativa Ladies, Wine & Design Coruña durante 3 anos.
En canto ao desenvolvemento de proxectos, encántame o momento de converter o brief en ideas, en probas, en materializar todas esas correntes que pasan pola cabeza, e crear un deseño que traduce a esencia do cliente. Iso, e desenvolver packaging, fan que las agullas do reloxo se me escapen para non volver.
Movínme bastante por Galicia, Cataluña e, recentemente, Luxemburgo. Agora, volvín a Galicia (estou entre Vigo e Coruña) cumprindo a ilusión de crear o meu propio estudio «sísmica», dende onde abordo proxectos de dirección de arte, deseño e organización de eventos.
Grazas por acollerme.