Exposición de DAQB DESIGN en Tokonoma
O estudio galego DAQB DESIGN expón en Tokonoma as súas últimas propostas de mobiliario e iluminación.
DAQB DESIGN é un espazo creativo radicado en Santiago de Compostela e formado polos deseñadores Eduardo Suárez e Daniel Vilas. Nado en 2010, o seu traballo oscila entre a produción industrial, o interiorismo e o deseño gráfico. O nome do estudio responde a unha transcrición fonética das palabras inglesas the cube (o cubo), que en palabras dos deseñadores simbolizan o carácter tridimensional tanto na formulación como no desenvolvemento do seu traballo. A mostra reúne unha colección de pezas de formas sinxelas con marcada influencia industrial e que son o resultado dun traballo depurado que busca a esencia dos obxectos. Máis interesados na subtracción que na adición, os integrantes de DAQB DESIGN prefiren deixar que o material fale por si mesmo e tentan crear reaccións dispares nos usuarios mediante compoñentes emocionais. Algunhas das pezas que se expoñen estiveron presentes xa no salón NUDE da Feira Hábitat Valencia, un espazo dedicado ao deseño emerxente no que o estudio presentou os seus prototipos o ano pasado. Lugar: Tokonoma Rúa do Hórreo 150, baixo Santiago de Compostela A mostra permanecerá aberta ata o 23 de xuño