A exposición «FSWD/Identidade e territorio» mostra a diversidade e bo facer do deseño
O CGAC acolle dende o 15 de outubro a exposición FSWD / Identidade e territorio, unha mostra que recolle o tecido creativo e produtivo do deseño español e que conta con traballos de deseño industrial, deseño gráfico, interiorismo e deseño de servizos, que destacan pola súa calidade, pola súa proxección no mercado nacional e internacional e por ser un modelo de sinerxía entre profesionais do deseño, empresas e editoras.
O pasado 15 de outubro inaugurouse, no CGAC de Santiago de Compostela, a exposición FSWD / Identidade e Territorio, organizada por READ, Red Española de Asociaciones de Diseño, dentro do proxecto global FSWD / From Spain With Design, unha iniciativa concibida de forma colaborativa como unha ferramenta para a proxección do deseño español a nivel nacional e internacional.
Distintos eixos conceptuais contribúen a acoutar unha selección de máis de 125 obras de diferentes ámbitos: Interseccións, Identidade e territorio, Internacionalización, Sostibilidade e Complicidades son os alicerces vertebradores que nos achegan, aos distintos relatos que nos ofrecen tanto obxetos como espazos ou formas de comunicar e que tiveron como obxectivo un uso, unha utilidade, e que crearon identidade dende o contexto no que naceron, respondendo a un problema ou demanda e sobre todo á necesidade das persoas.
Traballos de deseño industrial, deseño gráfico, interiorismo e deseño de servizos, algúns transversais a compartimentos estancos, así como outros formulados nos límites destas definicións, dialogan neste espazo expositivo, articulando no seu discurso manifestacións ligadas á inclusión, a igualdade de xénero, as preocupacións ambientais, as ambicións tecnolóxicas, a procura de novos materiais e usos. E cada un e todos, construíndo un escenario e unha narrativa identitaria que indubidablemente crea memoria.
Exposta con intención itinerante, FSWD / Identidade e Territorio mira ao futuro para viaxar por distintas cidades e países coa idea de compartir con distintos públicos esta radiografía do panorama actual do deseño español. Ese foi o reto do deseño expositivo, desenvolto por Enorme Estudo, resultado dunha chamada a proxecto. O mesmo expón unha exposición con posibilidade de replicarse nun formato responsive, adaptable a distintos tamaños, cantidade de proxectos e espazos. Baséase, fundamentalmente, nunhas pezas/peanas que se produciron artesanalmente en Galicia, con madeira galega, no taller de carpintería de Víctor Domínguez Gaviño.
Comisariada e coordinada por Uqui Permui (DAG), Angel Martínez (ADCV), Gloria Escribano (DIMAD) e Juan Lázaro (Cuenca Diseño), contou no seu desenvolvemento coa colaboración de integrantes das doce asociacións que compoñen READ e é un formidable exemplo dun traballo aberto, xeneroso e participativo ao que se sumaron con entusiasmo as e os profesionais de deseño participantes e as empresas produtoras.
Sinalar ademais que na selección de estudios e profesionais do deseño participan 21 procedentes de Galicia, entre as que se atopan as nosas asociadas Álvaro Valiño, Carlos Lorenzo, Marcos Dopico, María Ramos, Pepe Barro, Uqui Permui, e os estudios cenlitrometrocadrado, Desescribir, Numax, Desoños, Ekinoccio, Era Comunicación e Guillotina Estudio.
A exposición poderá visitarse ata o 30 de xaneiro de 2022.