EXPRESS, xornada de impresión tradicional
A DAG, Asociación Galega de Deseño, en colaboración con NORMAL, organiza unha xornada para achegarse á impresión con tipos móbiles na era dixital e coñecer como os pequenos obradoiros que usan as técnicas tradicionais entenden o proceso e afrontan a impresión desde novas perspectivas.
A xornada, que leva por título EXPRESS, terá lugar o próximo 26 de abril no NORMAL, Espazo de intervención cultural da Coruña e desenvolverase ao longo de todo o día.
O programa completo de actividades inclúe:
- Unha sesión de mañá en que o Colectivo Manchea impartirá un obradoiro de Letterpress.
- Unha sesión de tarde durante a que se proxectará o filme Los últimos de Pablo Pivetta e Nicolás Rodríguez Fuchs, seguido dun coloquio sobre a imprenta tradicional hoxe. No debate intervirán o realizador do filme, Pablo Pivetta, Tono Galán e Laura Sánchez (Manchea), Juanjo López (Familia Plómez e UnosTiposDuros), e estará moderado Cibrán Rico (desescribir).
A xornada rematará cunha pequena mostra dos traballos creados durante o obradoiro da mañá e cunha conversa informal acompañada dunha boa cervexa fornecida por 1906 e do estupendo xamón Selecta Coren.
Todas as actividades son de balde ata completar a capacidade no local. No caso do obradoiro, como só dispón de 15 prazas, cómpre que vos inscribades con antelación, mais podedes facelo a través da web de EXPRESS. Entrade nela para consultar toda a información e para as inscricións.