Participamos no Festival Creativa, Vigo
A cidade olívica acollerá os vindeiros 25 e 26 de abril unha nova edición deste espazo de encontro para profesionais e amadores/as da cultura contemporánea.
Imaxe do Festival Creativa 2025
O Cine Vigo, a Galería Maraca e a Praza do Pobo Galego son algunhas das sedes do festival que reúne destacados nomes da escena creativa local e nacional entre a súa programación. Figuras do ámbito da ilustración como Genie Espinosa, María Gómez, o estudio Brosmind, Cristina Sardá, Javirrollo… ou deseñadores da talla de Mario Eskenazi, Javier Jaén, Diego Feijóo ou a arquitecta Le Petite Patito, xunto con autoras como Raquel Peláez presentarán os seu proxectos, participarán en coloquios ou impartirán obradoiros.
Como en cada edición, celebraranse as «Charlas Maraca» que terán por convidados/as a ceramista Lili Algo, o podcast Desfacendo Galicia, o proxecto Rural Hackers ou os nosos asociados Pablo Álvarez, do estudio Casa Pransa e Lago Monroy… entre outros.
Tamén haberá tempo para propostas visuais como as de IseeFaces Studio que acompañarán a actuación de música electrónica de Belish ou escénicas como a de Marinita y sus Maromas, ademais dos concertos das bandas Nutrias ou Visera e a presentación do novo traballo de Manu G. Sanz.
Como novidade, o festival non só contará co seu Mercado Gráfico na praza do Pobo Galego, coa participación de 50 artistas, senón que ademais levará aos escaparates das rúas Doutor Cadaval e Eduardo Iglesias sesións de en ilustración en vivo da man de Roberto Argüelles, Sandra Lodi, Agustina Shuan e Nivi&Éxfico.
O festival será unha oportunidade para afondar en proxectos como Up&Up, da madrileña Lucía Zapata, unha iniciativa que conecta persoas e lugares a través da creatividade e a exploración, unindo a 100 artistas de 14 países do mundo. E tamén do noso proxecto AR\DE, que ten por obxectivo reunir os materiais divulgativos en materia de deseño galego para facilitar o estudo do ámbito e converterse no futuro nun arquivo dixital, que será presentado por Óscar Otero e Raquel Boo o sábado 26 ás 18.00 h.
Todo isto e moito máis na terceira edición do festival organizado por Maraca, Dot e ChaChaChá que se fixo co premio de «Mellor evento cultural de Galicia» nos Premios Paraugas no 2024. Acceso libre e de balde.