A gráfica de «Formas do deseño. Galicia XXI» recibe un Letra de Prata
O deseño creado por DARDO para a mostra que reuniu no Auditorio de Galicia a obra de numerosos deseñadores e deseñadoras galegas foi seleccionado polo xurado profesional dos premios Letra.
Os premios Letra, que este ano celebran a súa vixésima edición, outorgan anualmente os seus galardóns a proxectos destacados no sector da impresión dixital e a comunicación visual.
Nesta ocasión, o proxecto gráfico presentado por DARDO foi recoñecido na categoría «Mellor aplicación de imaxe na cobertura dun evento». O deseño trazado polo estudio compostelán buscaba representar a diversidade de formas que pode adoptar o sector do deseño, a través dunha letra G creada con película holográfica. O xogo de luz e cores que permite a holografía deu vida a unha composición de liñas que se cruzan percorrendo a superficie de cada un dos soportes. Esta gráfica ía acompañada dunha composición de imagotipos galegos, un mapa visual de Galicia facilmente recoñecible para a maioría de asistentes á mostra.