• Acerca da DAG
  • Novidades
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
actividades dag
28-10-2025 09:22:57

Chega o FEED 2025

A oitava edición do Foro de Deseño bienal da DAG celebrarase en Santiago de Compostela os vindeiros 7 e 8 de novembro, no auditorio do CINC da Cidade da Cultura.

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

A imaxe desta edición é de Irene García / igráfica

Coa vontade de ser lugar de encontro para as persoas que forman o ecosistema do deseño galego, a programación do FEED inclúe relatorios, coloquios, un taller e outras propostas para compartir experiencias arredor do ámbito. 

Unha das novidades deste ano é un OFF que terá lugar na mañá do venres, en horario de 10 a 12.00 h e que está orientado ao alumnado das escolas de deseño. Constará de catro breves presentacións de iniciativas relacionadas co desenvolvemento da profesión: a investigación sobre licencias tipográficas Font Licensing Mess da man de María Ramos; achegas sobre comunicación e deseño accesible coa participación de Aitana García, especialista en accesibilidade cognitiva e sensorial na Federación Autismo Galicia; os avances da terceira fase do Arquivo do Deseño Galego e o seu podcast con Óscar Otero e Pablo Silva; e unha dinámica para introducir os principios claves da perspectiva de xénero no deseño con Uqui Permui e Paula Cantero, integrantes do grupo de traballo GEN de READ.

Entre as 13 e as 15.00 h será o tempo de Diálogos para sinerxías. O papel do deseño no desenvolvemento empresarial, un encontro entre profesionais do deseño e representantes do tecido empresarial galego para fortalecer a conexión entre as partes a través do intercambio de experiencias. O acceso á sesión de networking, que rematará cun pequeno ágape, está restrinxido a convite. A iniciativa realízase co apoio do IGAPE e contará coa participación da súa directora xeral Covadonga Toca Carús.  

A apertura oficial do FEED será ás 16.00 h con benvida institucional antes de dar paso aos relatorios da tarde protagonizados por Stef Silva, fundadora e directora creativa de Invisible, que falará de futuro e deseño; seguida de Stop Making Sense, unha charla pensada para quen se inicia no deseño que nos ofrece Patricia Portela, deseñadora e directora creativa en Costa..

As presentacións de 6 proxectos a cargo dos centros de ensino de deseño galegos volverá a demostrar o talento emerxente en todas as disciplinas e a xornada rematará cunha mesa redonda sobre a creación nos tempos da Intelixencia Artificial coa participación de Chus Rojo (ilustradora e membro de AGPI), Alberto Quian (docente na USC), Stef Silva (Invisible) e Carlos Lorenzo (deseñador e socio de DAG). 

O sábado comeza cun taller de 20 prazas sobre pensamento de futuros que impartirá tamén Stef Silva na Fundación DIDAC, entidade colaboradora. E pola tarde, a partir das 16.00 h volveremos ao auditorio do CINC para unha segunda xornada de relatorios da man de Jorge Martínez, deseñador de información a través do proxecto Dataviz Cowboy; Mariola López, socia e deseñadora do estudio LopezLab en Ámsterdam; Miguel Leiro, deseñador, curador e educador, director da Mayrit; e Vítor Quelhas e Horácio Marques, docentes na ESMAD de Porto e promotores da LUGA Poster Biennale. Remataremos este FEED cun coloquio dos participantes.

O FEED 2025 é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia a través do AGADIC e o IGAPE. Ademais contamos coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura e a Fundación DIDAC, así como tamén a da nosa empresa socia protectora Visual MS, ademais de axeitos &Co, Agencia Gráfica, Mondi Group e Serilúa. 

As entradas para o FEED están dispoñible a través de EventBrite.

WEB FEED
ENTRADAS FEED
Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar)
Corredoira das Fraguas, 92
15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421
Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

DAG é membro de

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.