Galicia Design Week 2025
Do 16 ao 24 de maio terá lugar na Coruña unha nova edición da Galicia Design Week, un evento que se encadra dentro da asociación internacional World Design Week e que este ano divide o seu contido en Pro, Show, Sessions e Off.
O espazo Avenida de Abanca acollerá o groso do evento nun formato máis de contacto co público, sen interferencias e fomentando a participación das persoas asistentes. Dentro do contido Pro, o venres 23 e o sábado 24 de maio, se proxectan un total de 13 charlas de grandes profesionais do deseño galego entre os que se atopan o nosos socios Iago Barreiro e Alberto Carballido do estudio Novagarda. Compartirán a xornada do venres con Rígido e Carla Et Stik, Burr e Desescribir. O sábado as charlas teñen como protagonistas a Marta Cerdá, Marta Pazos, Amalia Puga ou Inma Horta, entre outras.
Ademais, hai preparados dous obradoiros de deseño dirixidos a profesionais para os que é preciso inscrición previa a través de correo electónico. Un será dirixido por Vagrant e o outro polo Grupo Malasa e daranse tamén no mesmo espazo Avenida.
Nas inmediacións da sede central da Galicia Desing Week, visitantes e persoas veciñas da cidade poderán coñecer un pouco máis do traballo de deseño que se desenvolve en Galicia a través de dúas exposicións e un showroom. Así, na Praza de Lugo hai unha instalación expositiva con traballos do Mellor Deseño Galego do último ano e está visitable desde o 9 ata o 30 de maio. Alí atoparedes algúns realizados polo noso socio Xabier Rilo e o seu compañeiro Ricardo Tubío, no seu estudio Cenlitros. Na zona da Mariña, e tamén ata o 30 de maio, hai outra instalación con propostas visuais de novos deseñadores e deseñadoras galegas.
O evento conta con actividades especiais que terán lugar en pequenos comercios e estudios da cidade, ademais de momentos para a música a partir das 19.30 h. O programa é de balde e se queredes seguilo ao completo podedes consultar a web.
A Galicia Design Week está co-organizada por Marta González e o noso socio Alex Rico, e conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ademais doutras entidades do eido privado.