Galicia, procesos e formas, a exposición con selo galego na Porto Design Biennale
O vindeiro 19 de outubro inaugúrase na galería municipal de Matosinhos a exposición Galicia, procesos e formas, comisariada por David Barro e na que poderemos ver traballos de socios e socias de DAG. A exposición poderá visitarse ata o 3 de decembro.
A Porto Design Biennale está promovida pola Cámara Municipal de Porto e a Cámara Municipal de Matosinhos, e organizada pola ESAD Idea e a ESAD Matosinhos. Este ano conta con Galicia como país invitado e, ademais da exposición, contará coa edición dun catálogo e a organización de talleres e encontros ao redor do deseño para a innovación en Galicia.
A exposición Galicia, procesos e formas é un proxecto expositivo que traza un camiño polo pasado, presente e o futuro do deseño galego a través de profesionais e empresas chave pola súa aposta polo deseño como ferramenta de innovación desde os anos vinte do século pasado ata a actualidade.
En palabras do comisario, David Barro,: «é preciso reinventar unha e outra vez Galicia, porque para valorar unha cultura é necesario renovala e innovar tendo en conta as súas raíces, formas e recursos». A exposición está dividida en tres partes. A primeira amosa como Galicia conseguiu construír o seu carácter diferencial a través do deseño, creando «formas inéditas» e un sistema de expresión propio. A segunda, presenta propostas experimentais que protagonizan a abertura democrática do país e unha serie de obras onde o deseño asume autoridade para impoñerse como disciplina profesional. E a terceira, a última sección, introduce unha serie de casos de éxito onde se explora sobre os recursos de Galicia como territorio e a súa condición atlántica e sostible, que leva a entender o seu presente a partir do pasado e do futuro.
Poderemos ver traballos de Pepe Barro, Uqui Permui, Dani Bembibre e David Silvosa de Costa, Adrián Parcero de Guillotina Estudio, Xabier Rilo de Cenlitros, María Ramos, Marcos Dopico, Suso Vázquez e Cibrán Rico de Desescribir, Carlos El Rojo, Irene García e Raquel Boo de Ekinocio, Noelia Estévez, Carlos Álvarez e Susana González de Desoños, Segundo Fernández e Natalia Crecente de Sond3, Álvaro Valiño, Idoia Cuesta, María Peinado, Artur Galocha, María Agra, Antonio Doñate e Carlos Hidalgo de Laboratorio Numax, Rafa Cáccamo, Alberto Rodríguez, Rebeca Ces, Roberto Núñez, Xóse García de Piedrapapeltijera, Thais Suárez de Sísmica Creativa, Daniel Pino, Luis Lago de Lago:Monroy, Noemí Cortizas, Iago Barreiro e Alberto Carballido de Novagarda, José Pérez de Era Comunicación…
Completando a exposición, o día 20 de outubro na ESAD Matosinhos, organízanse unha xornada onde, ademais de presentarse a exposición, preséntase o libro Galiza. Processos e formas da editorial Experimenta, e tamén diferentes traballos de profesionais galegos onde participa a nosa socia Idoia Cuesta. Idoia tamén lidera o taller de deseño de produto e técnicas de artesanía xunto co deseñador Isaac Piñeiro.
Para este proxecto, a Porto Design Biennale conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, da Fundación Artesanía de Galicia e da Fundación DIDAC.