• Acerca da DAG
  • Novidades
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
actividades READ
13-10-2026 12:22:00

Gráficas en Negro reúnese en Avilés para avanzar en novos proxectos

Do 2 ao 4 de outubro, o equipo de GEN, que se integra en READ, celebrou en Avilés o seu segundo encontro presencial. O grupo de traballo, no que participan as nosas socias Uqui Permui e Paula Cantero, continuou traballando nun dos seus proxectos en marcha, que xa ten nome: «Lo que no vemos». 

O proxecto que concentra agora a maior parte dos esforzos de GEN consiste nun xogo de cartas, deseñado para xerar espazos de reflexión, debate e procura colectiva de solucións a diferentes situacións e cuestións, sempre dende unha mirada feminista.

«Lo que no vemos» ten unha estrutura de catro bloques. O primeiro inclúe casos que expoñen situacións concretas. O segundo bloque formula preguntas que invitan a reflexionar e abrir o debate. O terceiro propón retos para pasar da reflexión á acción. E o cuarto apunta a referencias que achegan recursos e novos puntos de partida.

A partir destas cartas establécese un tempo, no que as persoas participantes comparten perspectivas, expoñen alternativas e buscan posibles solucións de maneira colectiva.

O encontro foi, ademais, unha oportunidade para seguir tecendo redes e estreitando vínculos con institucións e proxectos que traballan en ámbitos fundamentais para avanzar en igualdade. Houbo conversas con perfiles relevantes, como Eva Menéndez Sebastián, directora da Cátedra Universitaria de Feminismo do Instituto Asturiano da Muller, na que GEN participou este ano a través dunha serie de videoconferencias baixo o título: «Diseño feminista. Una perspectiva inclusiva y transformadora». O grupo tamén puido explorar a cidade, con visitas como a do Centro Niemeyer, e compartir conversas máis distendidas para seguir creando comunidade.

Foron dous días intensos nos xurdiron novas ideas, preguntas e ganas de seguir traballando. «Lo que no vemos» continúa tomando forma para converterse nunha ferramenta de acción e concienciación que se poida usar e compartir.

Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar)
Corredoira das Fraguas, 92
15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421
Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

DAG é membro de

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.