Iago Barreiro, novo socio da DAG
Na DAG sabemos da importancia de contar con profesionais que traballen en distintas disciplinas do deseño, para ter unha perspectiva ampla e traballar por representar a nosa profesión da mellor maneira posible. Iago Barreiro é deseñador especializado en entornos dixitais e interactivos, que despois dunha longa tempada en Barcelona decide volver a Galicia para traballar desde aquí. Aledámonos moito da túa volta Iago.
Ola! Son Iago Barreiro, deseñador gráfico especializado en identidade visual, deseño UX/UI e desenvolvemento web, con experiencia en diferentes disciplinas e tecnoloxías online e offline.
Fai 10 anos, marchei a Barcelona a estudar o Grao en Deseño Gráfico, tendo a oportunidade de traballar en diferentes estudios de branding e comunicación liderando os seus proxectos dixitais. Hai un ano que volvín a Galicia, dende onde colaboro con estudios, axencias e clientes de todo o mundo transformando as súas identidades visuais a entornos dixitais e interactivos, tanto no campo do deseño coma no da programación.
Ademáis son fundador dun espazo de coworking en Compostela, Modular Multiespazo, dende onde traballo e comparto espazo e cafés con outros profesionais. Estades todos convidados ;)