II Encontro de deseño para a innovación empresarial en Galicia
A Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega para a Innovación, GAIN, organiza o próximo 28 de xuño este segundo encontro no CIS Ferrol, conmemorando o día internacional do deseño industrial. Presentarase, ademais, a publicación O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia.
Por segundo ano consecutivo, GAIN organiza este evento destinado a profesionais do deseño, estudantes, empresas e institucións, para servir de espazo de encontro e intercambio de ideas, experiencias e proxectos que se desenvolven en Galicia e fóra dela. Nesta ocasión, o programa marca unha liña de traballo sobre o deseño estratéxico para a innovación centrada nas persoas e traerá a profesionais como Iván Mato, director creativo de Jones Knowles Ritchie; Coca Rivas, directora de estratexia e deseño de servizos en dxi dixital; Isaac Piñeiro, deseñador e cofundador de Nadadora e fundador de Isaac Piñeiro Design Studio; Manuel Vázquez, consultor de deseño estratéxico e innovación en Soulsight; Albert Vidal do laboratorio de innovación Sparklab; Nuria Carballo, deseñadora e directora creativa do Unconventional London e José Valladares, director do departamento de obra civil de Martínez Otero.
O encontro enmárcase dentro das actividades programadas por GAIN no Plan de Deseño para a Innovación 2020 e inclúe un aperitivo networking para todos os asistentes. A inscrición é gratuíta.