Os Laus 2021 premian o traballo de desescribir e Roberto Núñez
A edición anual dos premios Laus revelou os nomes dos proxectos gañadores na gala celebrada o pasado xoves 10 de xuño. Un ano máis, atopamos na lista de premios o traballo de varios socios: Roberto Núñez, co seu estudio ubicado en Barcelona, e Suso Vázquez e Cibrán Rico, do estudio galego desescribir.
As catro nominacións dos nosos socios convertéronse en premio durante a Nit Laus. Catro eran os proxectos que estaban nominados nas distintas categorías e catro foron os proxectos que conseguiron un Laus de bronce nesta convocatoria.
Roberto Núñez Studio foi galardoado na categoría de Dirección de arte / packaging polo seu traballo para Maccerato, de Viña Almirante SCG. Un deseño homenaxe a Domingo Fontán e á súa magnífica carta xeométrica de 1834.
Roberto recibiu tamén un bronce pola dirección de arte da web de Davide, unha bodega para a que se creou un código gráfico minimalista, delicado e onírico. Un proxecto complexo que ademais do desenvolvemento gráfico e web, inclúe contido audiovisual, fotografía de produto e ilustracións CGI.
Os compañeiros de desescribir, recoñecidos en numerosas ocasións nos Laus, foron galardoados nesta nova edición polo cartel para o filme Ons, de Maruxiña Films, e o catálogo «Cabrita. WORK (always) IN PROGRESS», para o Centro Galego de Arte Contemporánea.
O catálogo da exposición retrospectiva do artista Pedro Cabrita Reis é un deseño «silencioso» que reflicte a mirada dun artista obsesionado co arquivo e documentación da súa obra.
O cartel para a película «Ons», premiado tamén con un bronce, é unha proposta que busca suxerir, interpelando a quen mira. Un deseño que prescinde do innecesario para transmitir unha atmósfera concreta a través da tipografía, a cor, e a fotografía.
Celebramos os premios dos nosos socios polo merecido recoñecemento ao seu traballo e trasladamos os nosos parabéns a todos e todas as gañadoras.