León López de la Osa faise co Premio Paraugas de Deseño de Produto
O pasado 22 de novembro tivo lugar no Teatro Jofre de Ferrol a entrega dos Premios Paraugas organizados polo Clúster da Comunicación nos que o noso socio León López de la Osa acadou o premio ao mellor deseño de produto polas Mesas trillizas.
O traballo realizado por León busca ante todo a funcionalidade do obxecto e a lixeireza no uso dos materiais. Cunha xeometría limpa, as mesas están elaboradas a partir de dous discos cun soporte central que permite un fácil agarre e desprazamento. As rañuras que teñen os discos, aliñadas en partes opostas, fan que sexan acoplables dando unidade á peza.
León ten unha ampla experiencia como deseñador de produto, con especial afinidade polo deseño de pezas de iluminación e mobiliario do fogar que o levou a ser colaborador da empresa Lledó ou a participar na exposición «La esencia del objeto» no Madrid Design Festival de 2019.
Non queremos deixar de felicitar tamén á nosa asociada Ana Besada, que resultou finalista na mesma categoría coa súa cadeira Carlei, así como aos galardoados nos apartados de Mellor Deseño Gráfico e Mellor Deseño Dixital, que nesta edición recaeu en Tío Phill polo branding e web de A Taquilla.