Damos a benvida á Librería Formatos como nova colaboradora da DAG
A Asociación Galega de Deseño asina un acordo de colaboración coa libraría coruñesa, que ofrece vantaxes ás persoas asociadas e busca unir esforzos na divulgación do deseño.
A Librería Formatos, que fai un ano celebrou o seu 25 aniversario, é unha libraría ben coñecida pola cidadanía coruñesa. O afán dos seus fundadores, Ramón e José Manuel Domínguez, por crear unha libraría especializada na área das artes deu os seus froitos, conseguindo xa nos seus inicios unha clientela fiel que valoraba a súa coidada selección. Nos últimos anos a libraría foi ampliando a súa oferta, cunha temática na que tamén teñen cabida outras disciplinas, aínda que sen perder nunca de vista a súa orixe como libraría especializada.
O acordo entre a DAG e Formatos permitirá ás persoas asociadas beneficiarse dun desconto do 5% en toda a súa oferta literaria, ademáis de descontos adicionais en envíos a domicilio e o acceso a contidos seleccionados. Esta nova colaboración abre ademáis a porta a posibles actividades conxuntas e crea un vínculo necesario entre dúas disciplinas unidas en esencia, o deseño e a obra literaria.