A LUGA 2026 anuncia os doce carteis premiados, os 300 seleccionados e unha cita en Pontevedra
A exposición da segunda edición da LUGA Poster Biennale inaugurarase o 10 de decembro na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A mostra reunirá os traballos premiados e unha selección dos 300 carteis mellor valorados polo xurado. O programa de actividades da xornada inaugural incluirá a entrega de premios, conferencias e unha exposición monográfica.
Carteis premiados na categoría Cultural, Político/Social e Experimental da LUGA 2026
Despois de recibir máis de 2.000 propostas de todo o mundo, a LUGA Poster Biennale 2026 xa ten palmarés. O xurado, integrado por Pepe Barro, Laura Meseguer, Lizá Ramalho e Artur Rebelo (estudio R2), Astrid Stavro, Uqui Permui e Helena Barbosa, escolleu o mellor cartel e dúas mencións de honra en cada unha das catro categorías. A lista de proxectos seleccionados inclúe carteis de máis de 40 países distintos.
Estes son os nomes dos premiados en cada categoría:
Cultural
-
Mellor cartel: Anastasia Nechiporenko, Madame Butterfly, 2025 (Rusia)
-
Mencións de honra: Erich Brechbühl, Posterscene Lucerne, 2025 (Suíza) e Mateo Rossetti Santalucía, Voz humana, 2026 (Arxentina)
Político/Social
-
Mellor cartel: Xuwei Zhang, No Kings, 2026 (China)
-
Mencións de honra: Carola Schön, Today, 2026 (Arxentina) e Thomas Ferraro, Sign of the Times, 2025 (EUA)
Experimental
-
Mellor cartel: Agnieszka Ziemiszewska, Traces 01, 2026 (Polonia)
-
Mencións de honra: Hossein Ebrahimi, Untitled, 2025 (Irán) e Yankun Wang, Cross-Strait Blessings, Ink-Washed, 2025 (China)
Animado/Motion
-
Mellor cartel: Krzysztof Guzek, Motion, 2025 (Polonia)
-
Mencións de honra: Choi Gunhyuk, Eyeballs, 2025 e Messy Clock, 2025 (Corea do Sur).
Os carteis premiados poderán verse a partir do 10 de decembro na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde se inaugurará a exposición da LUGA 2026. Ademais, os traballos recoñecidos na Bienal aparecerán recollidos nunha publicación.
A LUGA nace dos lazos históricos e culturais entre Portugal e Galicia. Quere ser un punto de encontro para profesionais do deseño, a investigación, e estudantes e de todo o mundo. Aposta por pensar o cartel, experimentar con el e defender a súa capacidade para comunicar, cuestionar e implicar á esfera pública. Na primeira edición, en 2024, recibíronse máis de 1.600 carteis de preto de 50 países. Con esta segunda, a bienal reforza a súa ambición de ser unha referencia internacional, superando con creces a primeira convocatoria.
A LUGA 2026 está coorganizada pola DAG Asociación Galega de Deseño, a Facultade Superior de Media Artes e Deseño da Universidade Politécnica do Porto (FMAD/P.PORTO) e o Instituto de Investigación en Deseño, Medios e Cultura (ID+). Conta un ano máis co apoio da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía de Portugal (FCT) e da fundición tipográfica R-Typography. Nesta edición súmase como entidade colaboradora o Campus Crea da Universidade de Vigo. A Bienal contará ademais co apoio da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, o Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia, e a Fundación DIDAC.