• Acerca da DAG
  • Novidades
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
actividades dag
20-09-2025 19:41:42

READ presenta o manifesto para a convivencia ética entre profesionais do deseño e a intelixencia artificial

Protexer a creatividade humana como eixo central do deseño e a prevalencia do factor humano na toma de decisións son dous dos seus piares fundamentais.

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

A Rede Española de Asociacións de Deseño (READ), a través do seu Grupo de Traballo de Boas Prácticas Profesionais, vén de presentar o documento que recolle as conclusións da análise e interlocución entre profesionais do deseño e entidades externas especializadas. Con el preténdese sentar as bases éticas que permitan un apropiado uso e desenvolvemento profesional na contorna do deseño en convivencia coa intelixencia artificial (IA).

Trátase dun proxecto aberto a unha evolución constante que ten como obxectivo protexer a creatividade humana como eixo central e insubstituíble do deseño, recoñecendo o potencial da IA como ferramenta complementaria e non como substituta do pensamento crítico e expresivo do profesional do deseño. Defende un uso inclusivo e responsable, que garanta o acceso equitativo e evite nesgos que perpetúen desigualdades. Tamén subliña a importancia da transparencia e rastrexabilidade no proceso creativo e, especialmente no ámbito da contratación pública, ínstase a declarar o uso de IA nos proxectos para asegurar a ética, a legalidade e a rendición de contas.

Artellado ao redor de 14 valores determinados no «Código Deontolóxico de Deseño READ» e a publicación de UNESCO «Recomendación sobre a ética da intelixencia artificial»: transparencia, boa fe, rastrexabilidade, sustentabilidade, creatividade, compromiso, respecto, legalidade, humanidade, igualdade/equidade, inclusión, ética, economía e esforzo; agrupa os seus 43 enunciados en 6 áreas: o ser humano, a lexislación, a sustentabilidade, a contratación de deseño, a rastrexabilidade e transparencia e o dereito á reversibilidade algorítmica.

Compañeiros e compañeiras de READ na presentación do manifesto o 19 de setembro en La Nave Nodriza

O documento pode consultarse nas linguas cooficiais do Estado e inglés. Asinan a súa autoría: Sergio Sánchez Rodríguez (DEI-CA), Ana María Rodríguez Camacho (DEI-CA), Sonia de la Iglesia García (DEP), Desiderio Guerra Rebollo (DEP), Samuel Baltar Cerviño (DAG), Vicente Galega García (ADCV), María Navarro Torres (ADCV), Silvia González González (DIEX) e Eva García Robles (A Exprimidora).

Para a súa realización contouse coa colaboración de: Ofelia Salcedo Santana (Coordinadora do proxecto IA: Información, Sensibilización e Ética para unha Cidadanía Consciente da Asociación Gran Canaria para a UNESCO), a Federación Española de Asociacións e Clubs para a UNESCO, José Varela Ferrío —Responsable de IA e Dixitalización de UGT. Secretaría de Estudos e Regulación, Sector de Comunicacións e Cultura UGT. Comunicacións e Cultura FeSMC.—, IA GEN CULTURA OdiseIA e La Nave Nodriza.

Podes sumarte ao manifesto, tanto como persoa física ou como entidade, consultalo ou descargalo en designread.es

Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar)
Corredoira das Fraguas, 92
15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421
Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

DAG é membro de

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.