Marca na axenda a exposición Camilo Díaz Baliño: a xenialidade truncada
Desde hai dous anos e, por iniciativa da AGPI, o Día da Ilustración vén homenaxeando un grande ilustrador galego que merece ser redescuberto polas novas xeracións. Este ano, a figura escollida foi Camilo Díaz Baliño, quen, alén de pintor, ilustrador, escenógrafo, foi tamén un dos pioneiros do deseño en Galicia.
A programación conmemorativa incluíu a creación dun site ( http://www.diadailustracion.gal/) e tamén dun vídeo (https://www.youtube.com/watch?v=aHPHqfd0T6Y) sobre a figura homenaxeada, mais aquí queremos destacar unha actividade que está a ter lugar neste momentos na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura e na cal aínda estades a tempo de participar. Trátase da exposición Camilo Díaz Baliño: a xenialidade truncada, comisariada por Daniel Buján e Elena Díaz, e que reúne 54 pezas que permiten achegarse á traxectoria profesional e vital de Díaz Baliño e coñecer as súas diversas facetas de escenógrafo, de pintor e de ilustrador de publicacións periódicas e de libros, proxectos, moitos deles, impulsados ao abeiro das Irmandades da Fala, organización en que ingresa en 1918.
A exposición, que é gratuíta, permanecerá aberta até o 7 marzo de 2018 en horario de 08.00 a 20.00h na Biblioteca e Arquivo de Galicia.