Moitos proxectos de socios DAG entre os premiados Anuaria
Na edición 2018, os proxectos seleccionados pertencen aos estudios Guillotina da Coruña, Dardo de Santiago de Compostela e Desoños de Vigo.
Premio Anuaria de Ouro ao Mellor Programa de Identidade Corporativa para o Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) de Guillotina
O TAC é unha orquestra de pequeno formato especializada en repertorio contemporáneo. Un proxecto pequeno pero cunha visión artística moi ambiciosa e arriscada se se compara co panorama da música clásica galega. Tanto o seu director coma os instrumentistas comparten paixón por achegar as obras de compositores contemporáneos, diferentes e actuais (especialmente galegos) a un público máis novo, que lle pide á música clásica unha apertura de miras que non atopa nos circuítos tradicionais. Así, máis que concertos, propoñen experiencias multidisplinares nas que mesturan a música con outras artes (creación audiovisual, gastronomía…), ou outros xéneros e sonoridades (adaptacións de obras pop, instrumentación electrónica ou non tradicional).
Cando a axencia de representación do TAC contactou con Guillotina para darlle un xiro á súa identidade visual, trasladoulles a súa necesidade de diferenciación, de fuxir dos lugares comúns e desa suposta ‘exclusividade' da música clásica que se traslada desde propostas gráficas máis tradicionais. Tamén lles insistiron na importancia (aínda que de primeiras soase raro) que tiña a figura da bicicleta na historia e personalidade do colectivo, xa que a primeira obra na que traballaron xuntos foi unha composición na que se utilizaban os sons xerados por decenas de bicicletas coma un instrumento máis, polo que para eles ten un valor simbólico e ao mesmo tempo sentimental.
Adrián Parcero e DIego de la Iglesia crearon unha icona que xira ao redor das siglas do nome do conxunto (TAC) e que ao mesmo tempo remite a un diapasón e ao frontal dunha bicicleta. A partir de ter o elemento principal definido construíron o resto da identidade visual integrando unhas cores de carácter Atlántico (inspiradas nas cores dunha praia) e unha tipografía de pau seco sinxela e moderna, pero con personalidade. Completaron o universo visual deseñando tamén os modelos para algúns dos materiais promocionais que necesitaban, así como elementos de merchandising e papelería básica.
Anuaria de Ouro na categoría de Naming para Vivalaviña! De Guillotina
Aemais de pedirlles o deseño visual do packaging dalgunhas das súas primeiras referencias, Adegas Terrae tiña en mente crear unha liña de viños enfocada ao público novo, noveis no consumo de viño de calidade. Desexaban que no naming se puidese albiscar o momento de consumo como unha experiencia (tendo en conta que a parte visual ía ser tamén arriscada e interactiva). Un momento máxico no que compartir e gozar de novas vivencias e emocións. O xogo de palabras de Vivalaviña! representa unha solución desenfadada, rechamante e notoria, que conecta tanto co público obxectivo como coas características do produto.
Selección Anuaria ao Mellor Programa de Identidade Corporativa para Soulbeer de Guillotina
Soulbeer é unha cervexería que abriu a súas portas o ano pasado en Pontevedra. Trátase dun concepto diferente de pub no que, evitando as marcas máis comerciais, o cliente pode escoller entre nada menos que 9 billas diferentes alimentadas polas mellores cervexas craft e artesanais do mundo, que cambian cada mes, e máis de 75 referencias distintas en botella. Unha proposta que pon en valor os pequenos produtores e que se complementa cunha pequena vertente gastronómica (os petiscos da casa) e unha axenda de eventos bastante ampla: desde actuacións musicais en pequeno formato ata presentacións de novas cervexas ou exposicións de arte e fotografía.
Guillotina creou un sistema de identidade de onda vintage, inspirada en etiquetas de cervexa clásicas. Apoiáronse na elegancia da ilustración da pantera e nunha paleta de cores sobria pero efectiva para construír unha linguaxe visual que se estende polos menús, a rotulación interior e exterior ou a colección de cartaces que necesitan para comunicar (tanto en redes como pola rúa) a súa oferta de actividades.
Anuaria de ouro na categoría de Mellor Cuberta de Libro para Mírame de Dardo
A exposición ¡Mírame! Retratos y otras ficciones… explora o retrato a través de diferentes disciplinas que forman a diversidade de enfoques da arte actual e invita aos espectadores a reflectirse no espello social dos retratos. Un concepto que se traslada á publicación encadernada e impresa en papel espello que actúa de espello-reflexo de novos retratos e ficcións, como reza o seu título.
Selección Anuaria ao Mellor Deseño dunha Publicación Editorial para a Colección Artistas Galegos S. XX de Dardo
Deseño e edición dunha colección de artistas galegos relevantes do século XX. Cun formato lixeiro, nas publicacións formuladas a modo de caderno cos cantos redondeados, destacan os nomes dos artistas en stamping branco desbordando os límites das cubertas, nas que as súas cores remiten á paleta cromática de cada un dos creadores.
Ademais, tamén dentro dos premios de Veredictas, Dardo conseguiu o pasado mes de decembro un Premio Letra de Prata á Mellor Rotulación de Vehículos de ata 3500 kg (pequena empresa), cunha identidade que xa fora premiada cunha selección Anuaria.
Selección Anuaria na categoría de Mellor Cuberta de Libro para o Catálogo Galicia Universal. A arte galega nas coleccións ABANCA e Afundación de Desoños
Conceptualmente o libro representa as coleccións ABANCA e Afundación como un bloque de cor azul, cor corporativa das dúas organizacións e representativa dos símbolos identificativos de Galicia.
A sobrecuberta mostra unha fiestra a través da que descubrimos a arte galega nas dúas coleccións. A fiestra alude ao texto principal do libro, A fiestra baldeira.
Á alegría polos socios premiados da DAG aínda hai que sumar a dos numerosos profesionais, estudios ou axencias galegos cuxos traballos tamén foron merecentes dun galardón, nunha edición caracterizada por unha notable presenza galega. Moito parabéns, por tanto, a Amanita Estudio, Bombo Estudio, Coreti, Enpedra Wine Design Studio, quattro idcp, Roberto Núñez e Xosé Teiga Estudio.