«Movendo marcos» un espazo para o deseño na CRTVG
O noso socio Dani Bembibre, do estudio Costa, é o primeiro entrevistado nesta iniciativa que busca recoñecer a importancia do deseño galego e o seu valor social, económico e cultural.
A Radio Galega estreou a semana pasada un videopodcast sobre deseño e creatividade. Esta iniciativa dará voz a grandes nomes do deseño galego para compartir as súas experiencias e procesos de traballo nun formato ameno e accesible, orientado a todo tipo de públicos.
«Movendo Marcos», conducido polo deseñador Daniel Portela e a xornalista Clara Rial, ofrece conversas en profundidade sobre as distintas disciplinas do deseño abordadas desde a perspectiva profesional, analizando proxectos concretos e explorando as metodoloxías nas que se fundamentan. As tres primeiras entregas están protagonizadas por Dani Bembibre, que tratará o redeseño de marcas desde a súa especialización en identidades corporativas; a deseñadora Uqui Permui, que conversará sobre deseño social; e o deseñador e docente Marcos Dopico, que se centrará no eido da formación académica e a tipografía.
O primeiro capítulo xa está dispoñible, tanto en formato de vídeo como de son, nas plataformas AGalega.gal e AGalega Audio e con el dáselle a benvida a un novo recurso para a divulgación sobre deseño feito en Galicia.