Na DAG celebramos a chegada de Azur González
O pasado ano a DAG medrou máis que nunca, e entre as novas persoas asociadas temos o pracer de contar con Azur González, que despois dunha longa traxectoria en deseño gráfico en case todas as súas vertentes, especializouse no deseño de produto dixital. Alédanos moito contar contigo Azur, benvido!
Ola,
Chámome Azur, nacín en Vigo hai case 40 anos pero agora vivo na Coruña.
O meu primeiro traballo foi tocar o baixo nun grupo pero acabei adicándome á dirección de arte ao rematar a carreira de Publicidade e RRPP en Pontevedra.
Despois de estar nun par de axencias de publicidade e nun estudio de deseño acabei por montar o meu. Case 10 anos despois unhas fortes chuvias decidiron que me fixera freelance inundando a oficina.
Durante todo ese tempo traballei para clientes como Abanca, Concello da Coruña, Fundación Barrié, Hijos de Rivera, Inditex, Frinsa, Estrella Galicia, Nortempo, Marineda City…
Hai case un ano, Visual MS, para o que xa levaba moito tempo traballando, ofreceume a posibilidade de formar parte do equipo de Vidiv. Unha marabillosa oportunidade que me fixo incorporarme full-time na empresa sen dubidalo.
Así que agora, despois de pasar polo deseño gráfico nas súas mais variadas vertentes estoume focalizando no deseño de produto dixital.
Por que decidín asociarme á DAG?
Este ano, grazas a Visual MS, tiven a sorte de asistir ó Programa de Deseño de Interacción do Instituto Tramontana, o que transformou profundamente a miña visión da profesión. Non só no que respecta a procesos e profundidade de coñecementos, senón tamén na importancia de poñer en relevo o papel que o deseño desempeña na sociedade e o rol do deseñador como profesional.
Tamén porque creo que a mellor forma de expandir coñecementos é compartíndoos.
E DAG paréceme unha plataforma fantástica para ambas cousas.
Así que espero poder aprender moito do resto de socios e socias e aportar á DAG o que estea na miña man.
Quedo a vosa disposición, xa sexa a través do e-mail ou para tomar un café.
Saúdos a todos.