Novagarda, Desoños e Marcos Dopico premiados na 53 edición dos Laus
A Asociación de Diseñadores Gráficos y Directores de Arte do FAD, ADG-FAD, celebrou o pasado 8 de xuño en Barcelona a gala de entrega dos Premios Laus 2023. Un total de 313 traballos premiados entre os que se atopan dos Laus de Bronce para os socios de Novagarda e Desoños xunto con Marcos Dopico.
Deses 313 proxectos presentados, 4 foron Grand Laus, 1 Young Talent, 42 Laus de Ouro, 89 Laus de Prata e 177 Laus de Bronce. Cruz Novillo foi premiado co Laus de Honra pola súa traxectoria profesional e o Centre de Cultura Contemporània de Barcelona, CCCB, recibiu o Laus Empresas e Entidades pola súa aposta continuada no uso do deseño.
As seis categorías que se premian son Deseño Gráfico, Deseño Dixital, Publicidade, Audiovisual, Estudantes e Aporta. O traballo de Desoños, representado por Noelia Estévez, Carlos Álvarez e Susana Rodríguez, encadrábase na categoría de deseño gráfico. Presentaron a tipografía creada en colaboración con Marcos Dopico, para o proxecto gastronómico do cociñeiro galego Pepe Vieira. Pola súa banda, Iago Barreiro e Alberto Carballido de Novagarda, recibiron o galardón polo traballo web realizado para a IGFAE Labs, Instituto Galego de Física de Altas Enerxías.
Cabe destacar tamén o Laus de Ouro que levou na categoría de estudantes Belén Cordero da EASD Ramón Falcón de Lugo, polo proxecto fin de grao Letraheridas.
No xurado desta edición, formado por profesionais de prestixio do sector, participaba o tamén o socio Cibrán Rico, do estudio Desescribir. Os premios, que este ano celebran a súa 53 edición, teñen unha longa traxectoria e remarcan o prestixio acadado no sector, ademais de converterse nunha das esperadas citas anuais do deseño.