A DAG medra coa incorporación de Álex Rico
Alédanos moito comunicar que a DAG segue a sumar socios. Hoxe, máis que nunca, somos máis fortes unidos, creando vínculos que axudan a conseguir obxectivos comúns. Álex Rico é sen dúbida un profesional con iniciativa. A súa incorporación á Asociación Galega de Deseño aléntanos a seguir traballando, con ganas e optimismo. Benvido Álex!
Ola!
Son Álex, fundador e director creativo das axencias galegas Urbanlab e Follow, e do festival de deseño #follow.
Despois dos meus inicios laborais en Barcelona, volvín a Galicia para vivir e traballar desde A Coruña e Vigo. No verán escollo o kayak na Ría de Aldán e unha caravana no Grove para reducir velocidade, sempre que o ritmo o permite.
Ao longo da miña carreira asumín múltiples roles dentro da industria creativa: desde ideas e estratexias ata dirección de arte, coordinación de proxectos ou produción. Amo tanto a lóxica como a creatividade. Son analítico, meticuloso, proactivo, moi optimista e, por suposto, continúo aprendendo tódolos días.
Conceptualizo, desenvolvo e implemento proxectos creativos desde un enfoque onde as fronteiras desaparecen; onde nada é irrelevante, todo importa; nos que relaciono diferentes ideas integrándoas nunha estratexia coherente; e onde a autoexixencia, a comprensión do cliente e o seu contexto son elementos básicos.
Son un gran defensor do asociacionismo e admiro á DAG no seu papel como instrumento básico para poñer en valor o deseño e achegalo á sociedade, ás empresas e ás institucións. Espero poder contribuír a lograr este obxectivo conxunto con todxs vós. Ganas non van faltar.