Novos códigos CNAE para o deseño
Empezamos o 2025 coa actualización dos códigos CNAE que resumen e presentan información sobre a actividade económica das empresas en operacións estatísticas. O deseño recolle novas especificacións.
O código para o «deseño especializado» que estaba vixente desde o 2009, recollía actividades de deseño sen especificar. Os novos códigos para identificar as actividades de deseño quedan así, repartidas en catro novos epígrafes dentro do CNAE 7410:
-
74.11 Actividades de deseño de produtos industriais e moda. Engloba o deseño de produtos industriais, desde mobiliario ata dispositivos tecnolóxicos; a creación de prendas de vestir, calzado e accesorios de moda; e inclúe procesos de deseño funcional, ergonómico e estético de produtos manufacturados.
-
74.12 Actividades de deseño gráfico e de comunicación visual. Comprende a creación de logotipos, identidade visual e branding; inclúe o deseño de publicacións, cartelería, embalaxe e soportes dixitais; e abarca a dirección de arte e deseño publicitario.
-
74.13 Actividades de deseño de interiores. Céntrase na planificación e decoración de espazos interiores; abarca tanto entornos residenciais como comerciais e de oficinas; e inclúe selección de mobiliario, materiais e elementos decorativos.
-
74.14 Outras actividades de deseño especializado. Recolle todas aquelas actividades de deseño que non encaixan nas categorías anteriores; e permite dar cabida a disciplinas emerxentes ou novas formas de deseño aínda non definidas.
O deseño dixital e de experiencia de persoas usuarias recóllese no CNAE 6201. Ademais, hai que ter en conta outros códigos relacionados directamente coas actividades de deseño, como o 7111, servizos técnicos de arquitectura que inclúe o deseño de edificios e espazos urbanos; o 7112, servizos técnicos de enxeñaría que inclúe o deseño de maquinaria e equipos e procesos industriais; ou o 7311, servizos de axencias de publicidade, que inclúe o deseño de campañas, conceptos visuais e gráficos para promocionar produtos e servizos.
Estes cambios no CNAE 7410 favorecen a representación das distintas disciplinas do deseño e consolidan o seu recoñecemento na actividade económica e no ecosistema empresarial. Ademais, facilitan trámites administrativos, permiten unha maior precisión nos estudios sobre o sector e con elo, un maior entendemento da profesión.
Recordamos que a nosa actividade económica pode ter varios CNAE, mais soamente o que poñamos como primeiro ou preferente será tido en conta para todo o que mencionamos. En todo caso, recomendamos consultar as modificacións desta nova clasificación e actualizarse segundo a maior adecuación da actividade que realizamos, para beneficiarmos a título persoal e tamén ao conxunto do sector.