O 11 ENAD celebrarase en Cuenca do 27 ao 29 de outubro
Do 27 ao 29 de outubro terá lugar en Cuenca o 11ENAD, o Encontro Nacional de Deseño que reúne ás trece asociacións READ e demais asistentes arredor dun programa amplo que pon en valor o deseño desde a ruralidade e desde a innovación social.
O deseño do coidado, o deseño con atención, o deseño das relacións, dos sistemas… Como pode contribuír o deseño e, en concreto o deseño para a innovación social, a unha nova forma de planificación urbana e rural? Como podemos deseñar lugares e crear comunidades sostibles coa participación cidadá e doutros grupos de interese? Que proxectos existen neste sentido e que novas sinerxias e comunidades poden crearse?
O 11 ENAD articúlase en tres eixos: ecosistema/gobernanza, a sociedade dos coidados e a hibridación/innovación. Baixo estas premisas a organización abre un espazo de traballo colaborativo e de transformación que permita investigar estas problemáticas de xeito profundo; ademais de contar con axentes do tecido produtivo, as entidades públicas e organismos do terceiro sector da rexión para traballar en conxunto con metodoloxías do deseño e xerar proxectos estables no territorio.
O groso do programa céntrase os días 27 e 28, con relatorios e conversas, presentacións de proxectos onde a nosa socia Natalia Balseiro presentará «Lugares», e talleres e mesas de traballo. Estas últimas, coordinadas por representantes das asociacións READ, seguen a dinámica que se viña facendo nos ENAD anteriores: avanzar nos proxectos que hai activos na comunidade e plantexar novas liñas de traballo. Así, as mesas de traballo deste ano son:
Mesa: Deseño e educación
Coordinada por Juana Valcárcel (DIP) e Daniel Hervás (Diex)
Mesa: SNIC - ICCs
Coordinada por Irene García e Uqui Permui (ambas de DAG), coa realización dun taller sobre a ferramenta Kultursistema a cargo de Lander Balza de Conexiones Improbables
Mesa: Boas Prácticas en deseño
Coordinada por Ana Rodriguez (DICA)
Mesa: Gráficas en Negro
Coordinada por Maria Jesús Bonafonte (DIMAD) e Myriam Cea (DIMAD)
Mesa: Deseño e desenvolvemento territorial (novidade)
Coordinada por Silvia González (DIEX) e Félix Rodríguez, coa asistencia de Luis Madrid e Adolfo Chautón.
O domingo 29, as persoas inscritas poderán gozar dunha visita guiada á cidade de Cuenca, Patrimonio da Humanidade, e á Fundación Antonio Pérez. Outros espazos que poderán visitarse durante o encontro son o Centro de Arte Alfar de Pedro Mercedes, a Escola de Arte Cruz Novillo, a Sala Acqua e o Museo das Ciencias.
ENAD no linde. A semana previa realizaranse unha serie de talleres para iniciar as dinámicas de deseño e innovación social con outros axentes do territorio:
-
Taller «Sabernos Ecosistema» impartido por Ricardo Antón de Colaborabora.
-
Taller de métodos, técnicas e ferramentas de co-deseño aplicado ao traballo social, impartido por Raquel Pelta.
Os ENAD son eventos anuais organizados por READ e a asociación que nese momento ostenta a presidencia da rede nacional. DAG traspasou este papel a Cuenca Diseño en marzo de 2023, en Mérida, na celebración da Asamblea Xeral.