• Acerca da DAG
  • Novidades
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
concursos
30-10-2015 17:37:35

O custo do custo cero

O pasado 21 de outubro a Deputación de Pontevedra presentaba aos medios a súa nova imaxe corporativa. Tal e como se recolle na nota de prensa da entidade, esta nova imaxe -presentada pouco antes de se cumprir os primeiros 100 días de goberno- supuxo un custo cero para a institución, posto que foi desenvolvida "polos propios traballadores da Deputación".

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

Desde a DAG queremos advertir dos moitos erros de concepto que se atopan detrás deste presunto "custo cero":

O feito de que o traballo de deseño se desenvolva a nivel interno non quere dicir que non nos custe cartos. Estas persoas que traballaron no novo logotipo terían que deixar temporalmente a súa actividade habitual para dedicarse a esta tarefa, obrigando -deducimos- a contratar persoal de reforzo ou a desatender as súas tarefas habituais. Unha cousa e a outra supón, polo tanto, un custo para a Deputación.

Aínda supondo que efectivamente o custo de deseño do novo logotipo fose cero -queda por ver aínda a totalidade do manual de imaxe corporativa-, a súa implantación obriga necesariamente a producir unha serie de materiais aos que lles habería que incorporar esa nova imaxe. Sirvan como exemplo xa habitual destes cambios a papelería corporativa ou sinalética.

Outro detalle que chama particularmente a atención é o feito de que esta nova imaxe fose presentada menos de 100 días despois da toma de posesión do novo goberno provincial. Tres meses parécenos un prazo a todas luces insuficiente para poder desenvolver con garantías un traballo desta entidade: unha imaxe sólida ten que estar apoiada cando menos por estudos e auditorías que identifiquen a necesidade dese cambio, por análises que especifiquen os custos de implantación e por un briefing que estruture todo o programa de necesidades que ten que resolver esta nova imaxe. Se a solución non é sólida, se ese logotipo non resolve máis necesidades que a súa propia novidade está condenado á obsolescencia, poñéndose así a andar de novo a roda doutro presunto custo cero.

Pero a verdadeira raíz do problema non está nesa apoloxía dos custos. Conceptos como o da dedicación e compromiso "máis alá do que lles esixe a súa actividade laboral" das catro traballadoras ou que o proceso de selección foi feito polas propias deseñadoras e por "persoas con sensibilidade polo deseño e interese neste tipo de traballos" fan patente que unha vez máis o deseño é entendido como un hobby, como unha afección, máis que como unha profesión.

Hai uns meses un partido político recibiu unhas críticas moi semellantes por mudar a súa imaxe co mesmo procedemento. No caso que nos toca, a Deputación quere marcar diferenzas alegando a titulación das integrantes do equipo de traballo. Nós non pomos en dúbida a profesionalidade destas mulleres no desenvolvemento do seu traballo diario, mais si temos que apuntar que a comunicación e o deseño abarcan campos tan amplos que se require de especialización e experiencia en cada un deles para afrontar con responsabilidade un proxecto destas características, neste caso, algo tan relevante como a creación dunha imaxe institucional, cousa que só se consegue cunha demostrada traxectoria neste eido.

A DAG quere facer público unha vez máis o seu compromiso de colaboración con calquera institución e organismo, tanto público coma privado, para axudarlles a entender que o bo deseño nunca pode ser unha actividade de custo cero, pero que o mal deseño sae moito máis caro.

Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar)
Corredoira das Fraguas, 92
15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421
Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

DAG é membro de

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.