O deseño na historia da prensa galega (I)
No ano 1800 aparece o primeiro xornal galego, El Catón Compostelano. Impreso por Heredera de Frayz en oitava, foi un xornal de deseño austero composto a unha soa columna con tipos con serifa, sen ningún tipo de alarde ornamental na súa cabeceira. Tiña un tamaño reducido, menor ao dun A4 e só dezaseis páxinas, publicábase cada semana en Compostela en castelán e aínda que se descoñece quen foi o fundador, Manuel Murguía atribuiu a dirección a Francisco del Valle Inclán.
Van máis de 220 anos dende que apareceu a prensa en Galiza e, a día de hoxe, podemos saber que saíron do prelo milleiros de xornais e revistas, grazas aos estudos de Enrique Santos Gayoso ou os monográficos sobre a Historia da Imprenta de Antonio Odriozola e Xosé Ramón Barreiro.
Maila que a produción impresa en Galiza foi un tema tratado dende a óptica da historia, aínda estamos por construír e sobre todo por documentar as pezas e o papel do deseño na historia da prensa galega.
Dando un paso máis alá de inventariar ou cuantificar os xornais e revistas publicados, dende a perspectiva do deseño podemos observar a necesidade de recopilar e analizar as súas capas e as súas cabeceiras para achegarnos a temas como a evolución nas composicións e tipografías utilizadas, os anuncios e a historia da nosa publicidade e outros aspectos tan fundamentais como poñer nome ás impresoras que formaban parte dos talleres tipográficos, deixando atrás os apelativos de «viúva de» para poñer nome e apelidos ás que podemos considerar as primeiras deseñadoras editoriais galegas.
A prensa é, ademais, un obxecto de estudo no que podemos atopar reflexo da historia galega e como foi transmitida, como se foron trasladando os acontecementos á poboación, en que lingua, que tipo de revistas e publicacións literarias ou humorísticas se demandaban, desfrutar de ilustracións, retratos ou caricaturas ou ler moitos dos primeiros textos das grandes escritoras da literatura galega; tamén podemos converternos en testemuña do calado ou a importancia de personaxes como Rosalía de Castro e todas as homenaxes que xurdiron a raíz da súa morte.
Con este artigo iniciamos unha serie de publicacións nas que poderemos ver as portadas dos principais xornais e revistas de cada época e como foi evolucionando o papel do deseño nelas.
Comezaremos vendo a austeridade que caracterizou aos xornais galegos nas catro primeiras décadas da prensa, dende a publicación de El Catón Compostelano, no ano 1800, á aparición da primeira revista ilustrada en Galiza en 1838, Semanario Instructivo, que xa contaba con litografías e ilustracións policromadas.
O seguinte bloque trasladaranos ata a metade do século XIX e veremos nas publicacións o reflexo das novas tendencias políticas centradas en recuperar os dereitos e liberdades que nalgún momento se tiveran. Veremos xornais e revistas vencelladas ao posicionamento ideolóxico rexionalista, preocupadas pola situación socioeconómica de Galiza e polas raíces literarias e históricas. A presenza de litografías ou ilustracións comezará a ser máis común e tamén a fotografía, pois será no ano 1843 cando Enrique Luard abrirá a primeira tenda de fotografía na rúa San Andrés da cidade da Coruña.
Será tamén durante esta época, no ano 1860, cando se publique a primeira revista escrita enteiramente en galego, O Vello do Pico-Sagro. Dende este momento aflorarán as revistas e xornais escritos en galego, aínda que nunca chegarán a ser a maioría. Neste terceiro bloque veremos moitas revistas ilustradas, as composicións tamén se verán influenciadas polas correntes artísticas e vangardistas que comezarán a coexistir nas seguintes décadas.
Poderedes seguir toda esta serie de publicacións dende a web e as redes sociais da DAG.
Referencias bibliográficas
- Gayoso, E. S. (1990). Historia de la prensa gallega, 1800-1986. Sada, España: Ediciós do Castro.
- Odriozola, A., & Fernández, J. R. B. (1992). Historia de la imprenta en Galicia. Santiago de Compostela, España: Biblioteca Gallega.
© Imaxes contidas no artigo: Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia.