O deseño volve ser protagonista nos Premios Paraugas 2021
O pasado venres, 12 de novembro, os Premios Paraugas regresaron a Expourense co formato presencial para recoñecer a excelencia das empresas e profesionais da comunicación. Estes premios organizados polo Cluster da Comunicación de Galicia, que xa van pola súa sexta edición, buscan recoñecer o traballo feito en Galicia no campo do deseño, a impresión e a edición, a creatividade, a comunicación, o márketing e a organización de eventos.
Web EASD Antonio Faílde, deseño de 988. Cambo, de Cenlitrosmetrocadrado (foto: a emotional light).
Creados no ano 2016 co obxectivo de distinguir de maneira pública o bo facer das empresas e profesionais que traballan en toda a cadea de valor da comunicación en Galicia. No marco da convocatoria establecéronse oito categorías de premios, con 21 subcategorías en total, ás que optaron cerca de 250 candidaturas. Este ano quedaron desertos os premios ó mellor congreso e o mellor incentivo de empresa de toda Galicia.
Entre as candidaturas finalistas nas categorías de Deseño, Comunicación, Creatividade, Márketing e Eventos, estiveron os estudios de deseño Costa, cenlitrosmetrocadrado, 988, Desoños, a axencia de publicidade Tony Le Brand e a deseñadora Nuria Carballo. Tamén na categoría de Impresión atopamos ao noso socio Alberto Rodríguez, co libro Dona Emilia e Compostela de Campus na Nube.
Os premios na categoría de deseño, patrocinada pola Axencia Galega de Innovación, foron para os seguintes proxectos:
- Mellor Deseño Gráfico: Identidade corporativa de Katarsis. Kindergarten
- Mellor Deseño Industrial ou de Produto: CAMBO Familia de luminarias de interior. Cenlitrosmetrocadrado/a-emotional light
- Mellor Deseño Dixital: EASD Antonio Faílde. 988 Deseño e Arquitectura
Na categoría Creatividade (Premios Roi Scroll), a axencia Tony Le Brand fixo pleno:
- Mellor Idea: Restyling Acción Tatoo, para Hijos de Rivera (Estrella Galicia).
- Mellor Produción (Craft): Una cerveza como Dios manda, tamén con Hijos de Rivera (Abadía dos Monxes).
- Mellor Campaña: Sabemos que sempre o levarás dentro, para Unifersa (Clickfer).
Na categoría de Márketing Dixital (premios PuntoGal) o premio á mellor extratexia/acción de produto/servizo foi para a campaña de lanzamento das infusións Wize Monkey de Cafés Candelas, na que o estudio Desoños colaborou con Ma Agencia e Zeltia Stadelmann.
O Premio Paraugas ao Mellor Evento foi para SON Estrella Galicia Posidonia: El Reencuentro, de Hijos de Rivera e o estudio Costa.
Como en cada edición, celebramos o recoñecemento ao deseño feito en Galicia e trasladamos os nosos parabéns a finalistas e candidaturas gañadoras desta edición.