O estudio Cenlitrosmetrocadrado seleccionado para deseñar a imaxe corporativa do Concello de Pontevedra.
En xuño deste ano 2021 abríase a convocatoria para presentar candidaturas profesionais para deseñar a nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra, coa idea clara de apostar por un cambio formal que ligase coa perspectiva humana que prioriza a cidade e que fose cos tempos actuais. O proceso dividiuse en dúas fases e, finalmente, o estudio Cenlitrosmetrocadrado resultou seleccionado.
O xurado e o comité asesor reunironse presencialmente en Pontevedra para avaliar as propostas recibidas de estudios e empresas de deseño e comunicación. Desde o primeiro momento as candidaturas foron anónimas e identificábanse cun lema. Seleccionáronse catro para que pasasen á segunda fase, onde xa tiñan que presentar unha proposta gráfica adaptada aos obxectivos institucionais e de cidade que se recollían nas bases da convocatoria. A segunda xuntanza de avaliación foi en setembro e de aí saiu a candidatura final. As tres propostas non seleccionadas cobrarán 950€ en compensación polo traballo realizado e o estudio adxudicatario desenvolverá o traballo completo por un importe de 12.000€.
A DAG asesorou ao Concello de Pontevedra na redacción das bases da convocatoria para que recollese as características técnicas e formais que debe ter unha contratación deste tipo, segundo o que defendemos como organismo representante de profesionais do deseño. Ademais, dúas persoas da directiva formaron parte do comité asesor e participaron do proceso desde o inicio. As chamadas a proxecto son un instrumento válido para as administracións porque recollen todas as necesidades de solicitude dun traballo profesional de deseño e ofrece garantías para un resultado óptimo. A colaboración entre ambas partes e a boa receptividade por parte do Concello de Pontevedra para mellorar a convocatoria, foi fundamental neste caso, e esperamos que sexa exemplo de boa práctica para outras administracións e entidades.
Cenlitrosmetrocadrado, formado polos deseñadores e socios da DAG Xabier Rilo e Ricardo Tubío, e Javier Aliste (márketing e comunicación), é un estudio de deseño especializado en gráfico e produto cunha ampla traxectoria profesional, que desenvolve proxectos de gran calidade formal que respectan a contorna e os espazos onde se ubican, e priorizan o uso racional dos materiais. O Concello de Pontevedra contará coa experiencia de grandes profesionais e seguro que a imaxe gráfica resultante deste proceso representará á institución e á cidadanía co sentido que se busca.