O terceiro Cañas y Tipos galego celebrarase en Pontevedra
O evento tipográfico que empezou en Valencia no ano 2013 foi xerando novas sedes, como Madrid e Mallorca, e agora desde o ano pasado súmase Galicia. A próxima quedada será o 18 de maio na Asociación Cultural Kentada de Pontevedra.
Os Cañas y Tipos son eventos tipográfico-festivos autoxestionados que se desenvolven nun formato concreto: 2 charlas duns 20 minutos aproximadamente cada unha con profesionais relacionados coas letras, o Tipocrit para coñecer opinións sobre proxectos, e un sorteo final, o Tipobingo!, de pezas e material doado por deseñadores e deseñadoras, coas consumicións que se realicen no local organizador.
O tour galego empezou en Santiago de Compostela, no espazo Sar 53, o pasado mes de outubro de 2023, con María Peinado e Rubel Prol como protagonistas. O segundo C&T galego foi na Coruña, o 3 de febreiro de 2024, onde Laura e Tono de Manchea compartiron o escenario do seu novo local na cidade herculina co deseñador de tipografías Robert Janes. Desta vez, o evento trasládase á cidade de Pontevedra, concretamente á sede da Asociación Cultural Kentada, onde poderemos escoitar a dúas xeracións distintas da creación tipográfica: Marcos Dopico e Zeltia Iglesias.
O evento en Galicia está organizado polos socios de DAG María Ramos e Daniel Pino, xunto con Bernardo Paz, Yolanda González e Carla Bautís. A entrada é de balde ata completar o aforo.