Os Premios Nacionais de Deseño Anuaria 2016
Esta semana facíase pública a lista completa dos premiados con estes importantes galardóns que outorgan representantes das asociacións profesionais e centros de deseño nacionais. Unha edición máis alégranos comprobar como, nesta tamén, os nomes dos nosos socios se encontran entre os premiados. Moitos parabéns a Conchi Mayo e ao estudio DARDO, a Era comunicación e a Álvaro Justo.
Premiada cun Anuaria ao mellor deseño dunha publicación periódica resultou DARDOmagazine, unha revista que desde a súa creación hai 11 anos vén apostando polo diálogo entre deseño e análise do contexto artístico contemporáneo cunha coidada proposta estética. Centrada en tres contextos, España, Portugal-Brasil e Latinoamérica, ten gañada xa unha posición entre as máis prestixiosas revistas culturais, recompilando textos críticos e entrevistas de arte, arquitectura e deseño.
Alén deste recoñecemento, a editorial e estudio de deseño DARDO obtivo tamén unha selección Anuaria noutras dúas categorías, á mellor cuberta de libro —co catálogo deseñado para a exposición “Impulsores do movemento abstracto” celebrada na Casa da Parra e organizada pola Xunta de Galicia— e outra ao mellor catálogo —Raúl Artiles. Black Hole, deseñado para o CAAM, Centro Atlántico de Arte Moderno das Palmas de Gran Canaria—.
Uns premios que se suman ao Diploma ao mellor deseño de diario ou revista recibido hai só uns meses nos Premios CLAP.
Temos que destacar tamén o Premio Anuaria á mellor tipografía concedido a Álvaro Justo pola súa Verbas Sans, unha tipografía que lle valeu tamén unha mención dentro da categoría ao mellor traballo ou proxecto de estudos realizado por un estudante do último curso de deseño.
E unha Mención Anuaria foi tamén a conseguida polo estudio Era comunicación, neste caso na categoría de mellor cartel, polo cartel deseñado para a Festa do Mar que se celebra en Poio.