Os Premios Paraugas de Deseño son para...
Os Premios de Comunicación e Marketing de Galicia (Premios Paraugas) naceron en 2016 para pór en valor o traballo das empresas e dos creativos e das creativas de Galicia. A gala de entrega da cuarta edición celebrouse o pasado 29 de novembro en Expourense.
Totan, Perfeccionista, Resistencia
Un ano máis, o deseño galego continúa a mostrar o seu músculo. De entre as 77 candidaturas aos Premios Paraugas nas categorías de Deseño, patrocinados por GAIN, Axencia Galega de Innovación, os gañadores foron os seguintes:
— Premio Paraugas ao mellor Deseño Industrial
Totan, de Isaac Piñeiro; pola profesionalidade da proposta, a dificultade da encomenda e a capacidade de ordenar forma e función tendo en conta as limitacións orzamentarias e os criterios de sustentabilidade no emprego de materiais.
— Premio Paraugas ao mellor Deseño Gráfico
Perfeccionista, de Roberto Núñez (DAG); pola súa calidade gráfica, impacto visual, solidez técnica e polo emprego da linguaxe visual como unha ferramenta que procura unha mellora competitiva no mercado dos viños.
— Premio Paraugas ao mellor Deseño Dixital
Resistencia desde 1906, de Tony Le Brand (DAG); pola consistencia e coherencia nas aplicacións dixitais que achegan valor engadido ás campañas para as que foron creadas.
Tony Le Brand obtivo, ademais, o Premio á mellor Creatividade Gráfica por Resistencia desde 1906 - 0,0; e á mellor Creatividade Audiovisual por Fábrica de cervexas - Percebes - Segunda Edición.
Nesta edición o xurado estivo composto por unha representación 100% DAG: Ricardo Tubío, de cenlitrosmetrocadrado; Noelia Estévez, de Desoños; e Suso Vázquez, de Desescribir.
Durante a gala tamén se entregou o Premio Paraugas Honorífico a Cruz Novillo, homenaxe que recolleu o seu fillo e socio en Cruz Más Cruz, para recoñecer a figura dun profesional coñecido pola súa obra pero moi descoñecido pola sociedade despois de moitos anos traballando en silencio para deseñar España.