Ourense acolle a asemblea xeral da DAG 2019
O vindeiro 29 de xuño a DAG estará en Ourense, no Centro Cívico A Ponte, para celebrar a súa asemblea xeral anual.
Este ano recuperamos a idea de celebrar unha xornada completa de actividades para achegarnos a un público máis amplo que os propios asociados e asociadas, tal e como fixeramos no 2015 en A Coruña ou en 2016 en Vigo. Por iso, na xornada de mañá ofrecemos 2 charlas abertas ao público. A primeira delas está protagonizada polo estudio 988 de deseño gráfico e arquitectura, fundado polo noso socio Daniel Vila. Falará do traballo que desenvolven, dos procesos e tamén dos proxectos que teñen entre mans. Despois da pausa café, será Óscar Otero, deseñador e socio tamén da DAG, quen nos presente o proxecto HA! Historia del Arte, para coñecer máis polo miúdo a maquinaria que hai detrás de toda esa dinámica de contidos.
Quen estiver interesado ou interesada en asistir ás charlas da mañá, de 11 a 13.30 h, pode confirmar a asistencia en info@dag.gal.
A xornada de tarde está reservada para os socios e socias da DAG.
Toda a información que se vaia xerando do evento estará dispoñible na web creada para esta asemblea 2019.