Pablo Honey en Compostela
O deseñador, director creativo e educador relatará a súa experiencia con distintas marcas, medios, culturas e disciplinas.
Imaxe do evento / Fundación DIDAC
O xoves 26 de xuño ás 19.00 h, Pablo Honey dará unha conferencia na Fundación DIDAC, dirixida pola nosa asociada Conchi Mayo, que contará cunha introdución de Pepe Barro. Nado en Galicia, mais criado en Suíza, Honey traballou en Barcelona e vive desde hai 12 anos en Nova York desde onde dirixe un equipo de 70 profesionais do deseño de todo o mundo para Automattic (Wordpress), o maior proxecto de código aberto que impulsa o 43% da web.
Durante máis de dúas décadas de traxectoria deseñou para unha gran diversidade de empresas e startups, traballando contornas web, iniciativas de comercio electrónico, aplicacións para móbiles e dispositivos portátiles, intelixencia artificial, realidade virtual e unha variedade de experiencias avanzadas para clientes como Nike, Camper, Volvo, Samsung, Fossil e outros.
Os seus proxectos foron recoñecidos en diferentes festivais e premios internacionais e tamén formou parte do Consello de Dirección de IxDA (Interaction Design Association), ademais de exercer a docencia no Instituto Europeo di Design, Parsons The New School e School of Visual Arts.
A entrada será de balde con inscrición previa.