Os Premios Paraugas 2020 xa teñen palmarés
O pasado venres, 12 de febreiro, fixéronse públicos os nomes dos proxectos gañadores dos Premios Paraugas. Estes premios organizados polo Cluster da Comunicación de Galicia, que xa van pola súa quinta edición, buscan recoñecer o traballo feito en Galicia no campo do deseño, a impresión e a edición, a creatividade, a comunicación, o márketing e a organización de eventos.
Nesta ocasión, a gala de entrega de premios foi celebrada de maneira virtual e retransmitida en directo. La celebración, conducida por Luis Fraga e Belén Xestal, contou coa presenza dos finalistas en cada categoría.
Entre as candidaturas finalistas este ano atopamos, en varias categorías, ao estudio desescribir: Mellor Libro polo catálogo da exposición Pensar coas mans, Mellor Deseño Gráfico polo branding para Fibracolour de Finsa, e Mellor Creatividade Gráfica polo proxecto Naipes para Agencia Gráfica, este último, en colaboración con outro dos nosos socios, Álvaro Valiño. Na categoría de Deseño Gráfico, atopamos ademais ao estudio vigués Desoños co seu deseño da marca NOVE (tamén presente na categoría de Deseño Dixital pola web desta mesma marca) e ao estudio Costa co redeseño da marca de cervexas 1906. O estudio cenlitrometrocatrado competía na categoría de Mellor Deseño Industrial ou de Produto co seu proxecto de sinaléctica para as Cabanas de Albeida, proxecto que esa mesma semana presentaban no ciclo Ráfagas da Bienal Iberoamericana de Deseño.
Os premios na categoría de deseño, patrocinada pola Axencia Galega de Innovación, foron para os seguintes proxectos:
- Deseño gráfico: redeseño da identidade de marca de Cervezas 1906–Hijos de Rivera, desenvolvido polo estudio coruñés Costa.
- Deseño Industrial/Produto: Lavelle Bikes de Pablo Iglesias.
- Deseño dixital: web de Arturo Álvarez de Teiga Studio.
Ademais, na categoría de Creatividade, Suso Vázquez, Cibrán Rico e Álvaro Valiño foron merecedores do premio á Mellor Creatividade Gráfica polo proxecto Naipes, creado para Agencia Gráfica.
Un ano máis, celebramos o recoñecemento ao deseño feito en Galicia e damos os nosos parabéns a finalistas e gañadores desta edición.