Pepe Barro deseña o novo Museo Ramón Cabanillas de Cambados
Pepe Barro é un deseñador ao que lle gusta tocar todos os xéneros e mesmo mesturar uns cos outros. En case cincuenta anos de actividade profesional, o conxunto do seu traballo pode entenderse como unha lectura da Galicia que renova os seus sinais de identidade, incorporando as linguaxes do deseño internacional.
Unha entrevista de Irene García
Como profesional independente, asociado no Grupo Revisión ou desde 2013 en Barro Deseño, realiza algúns dos seus traballos máis coñecidos como a identidade gráfica da Universidade da Coruña, os primeiros «cuponazos» da Once, a identidade gráfica de Turgalicia, a camiseta da Selección Galega de Fútbol, a identidade e a web de la Real Academia Galega, o proxecto museolóxico e museográfico da Casa de Rosalía de Castro, a identidade corporativa de Denodo (empresa de sofware big data), a identidade da Culturgal 2017 (feira das industrias culturais), ou os viños Terra de Asorei (albariño e escumoso albariño brut). En 2019 deseña o xornal diario Nós, que sae á rúa o 2 de xaneiro de 2020.
O deseño de identidade de empresas e institucións, o deseño editorial ou os proxectos expositivos, sobre temas da cultura e a historia de Galicia, son campos nos que conta con gran experiencia. Con motivo da inauguración do Museo Ramón Cabanillas en Cambados o pasado 3 de xuño, conmemorando o 145 aniversario do nacemento do poeta, afondamos na súa faceta de deseñador de proxectos expositivos.
Como te definirías como deseñador? Pensas que mudaches moito desde os teus comezos?
Eu digo que son un deseñador xeneralista, creo que o noso país non está desenvolvido como para especializarse, mesmo así xa hai xente de branding, ilustradoras cun estilo moi marcado, deseñadores web... está moi ben. Pero a min unha das cousas que máis me gustan da profesión é o cambio que se produce con cada nova encomenda, cambia o cliente, muda o xénero e isto é refrescante, aínda que as veces sexa duro partir de cero, coa pantalla e o papel en branco... E esta querencia e os pros e contras dela estiveron aí desde os meus comezos, pelexando ás veces coa miña propia sombra, poñendo máis ambición na encomenda que os propios clientes, sempre tomando decisións no equilibrio do arame, sen rede.
A túa experiencia como profesional é moi ampla e sempre vai moi ligada á terra na que vives. Se tiveras que destacar algún proxecto, cal sería e por que?
A ampla e diversa experiencia vén un pouco buscada e un pouco por acaso, pero ampliar os xéneros nos que é posíbel traballar foi en min actitude, curiosidade e reto. Non debemos estar aborrecidos. A primeira peza que tirei do prelo foi un cartel para unhas conferencias sobre Castelao en Santiago, en xaneiro de 1973, foi un gravado en linóleo, técnica que comezaba a coñecer; non cumprira os dezaoito anos e aínda non fora estudar deseño. Desde o principio dos setenta coñecín as letras de chumbo, vivín a chegada da fotocomposición, case a do offset, o Letraset, a montaxe sobre papel ou xa sobre acetato estralón, as repromaster, as fotocopiadoras que ampliaban e reducían e logo as que o facían a cores, a selección de cores a man ou con escáner de tambor... até os Macintosh primeiros que coñecín en 1987 e así seguido, claro... a revolución permanente, que diría Trotski. Muda a tecnoloxía e deixa pegada nos traballos, loxicamente, pero o esencial é saber cara onde queremos ir. Unha carreira ligada ao país dicides que é a miña? Se traballas aquí estás ligado á sociedade na que vives, é o natural, pero se nos referimos á cultura, si que é certa a miña querencia por ese campo, desde novo sempre estiven ligado ao activismo cultural e os meus primeiros clientes viñeron de aí e aínda veñen en boa parte. Pero se preguntades porque son deseñador e nacionalista quero responder parafraseando a Cabanillas: porque son de Pontedeume.
Ultimamente estás moi implicado no deseño de espazos expositivos, como o recentemente inaugurado Museo Ramón Cabanillas en Cambados. Como afrontas ese proceso de traballo concreto? Segues a mesma dinámica que en calquera outro proxecto de deseño?
Ben, eu xa tiña experiencia neste tipo de proxectos cando recibín a encomenda do Museo Ramón Cabanillas, precisamente por iso me chamou o concelleiro de Cultura de Cambados, en 2017, daquela viña de rematar e abrir ao público a Casa de Rosalía en Padrón, totalmente remozada. Os meus primeiros proxectos neste xénero de exposicións son de 1996, cando en Grupo Revisión Deseño realizamos a exposición comarcal da Terra de Trives, integrando xa maquetas, vídeos, obxectos, fotografías e textos, superando o proxecto museográfico Galicia & América, coma quen di un libro aberto, ao xeito dos británicos libros ‘visuais’, que realizáramos en 1992, tamén no mesmo atelier.
Abordar un proxecto como o Museo Ramón Cabanillas, no que se dirixe museoloxía e museografía é complexo e ás veces demórase anos, porque cómpre elaborar un proxecto para poder orzalo e saber de canto estamos a falar. Logo cómpre buscar os cartos, non sempre un concello, unha fundación, dispón da totalidade do orzamento, aí cómpre acompañar ao cliente no percorrido, argumentar necesidades e presentar planos coas principais ideas que se van desenvolver. E non é inmediato. Cómpre paciencia, confianza no cliente e firmeza. É frecuente que teñamos que intervir antes de que se realice a rehabitlitación do edificio e indicar xa onde e como queremos a iluminación, onde poñer tomas eléctricas, calefacción... Pero non hai dous proxectos iguais, quizais o máis rechamante sexa para min a Casa Museo Rafael Dieste en Rianxo, que comezarei a executar en breve, aínda non sei cando, pero vou traballar sobre un anteproxecto elaborado hai máis de dez anos en Grupo Revisión Deseño. No ano 2020 houbo que orzar o proxecto aquel e buscar os cartos, a cousa xa está encarreirada. Pero coidado! A ambición intelectual do deseñador, absolutamente necesaria para garantir calidade e frescura a un museo, centro de interpretación ou casa-museo, pode ser un problema: frecuentemente queremos acadar resultados brillantes, sorprendentes, podemos soñalos á altura dos que se fan nas metrópoles, pero ollo, os nosos orzamentos son os da colonia. Esforzo, estrés, fustración, son os riscos. Pero pódense superar.
Tanto Rosalía como Cabanillas ou Castelao son figuras fundamentais da cultura e da literatura galegas e personaxes históricas que teñen moito que contar. Como traballas o contido, o fío condutor, dun espazo expositivo con figuras deste nivel como protagonistas?
Neste caso do Museo Ramón Cabanillas a idea que estrutura todo son uns versos do propio poeta de 1915, que veñen no poema Encomenda, dedicados á súa dona: «Quero na lousa que me dé sosego // esta palabra que ten luz: poeta // e esta palabra que ten ás: gallego». Coñecín estos versos na lousa que no panteón do cemiterio de Fefiñáns ten a familia Cabanillas. Mesmo agora, no Panteón de Galegos Ilustres, onde foron trasladados os restos do escritor, están os tres versos. Iso deume a idea de deconstruír o poeta en 12 palabras que contaran Cabanillas en doce temas, dúas palabras poñíaas el, as outras dez foron elixidas por consenso despois de poñelas en común cun grupo de especialistas. Isto organizou a gran sala do Museo en doce imaxes e doce vitrinas que responden ás doce palabras elixidas; no centro situamos a mesa de traballo de Cabanillas, conservada polo legado familiar, sobre esa mesa proxéctanse as doce palabras: «Poeta, galego, fe, familia, Cambados, fouce, ‘irmáns’, prelo, canto, escena, desterro, sempre».
Loxicamente tamén debullamos a vida do poeta nunha cronoloxía ilustrada, á maneira dunha galería de cadros nun corredor. Noutro espazo clave, convertido case nunha capela, móstranse a coroa de loureiro rosaliano coa que coroan ao poeta en Padrón, en 1958, e a máscara fúnebre que realiza o seu amigo Asorey cando o pasamento do escritor, en 1959. Dúas pezas moi emotivas que conservaba o Museo de Pontevedra. Son un punto de inflexión no itinerario do pequeno museo, subliñado pola peza musical simbólica cedida polo compositor Manuel María Veiga.
Eu creo que a mellor situación para abordar un proxecto deste tipo é poder intervir no deseño da museoloxía, é dicir, no que se quere contar, e logo elaborar o deseño da museografía, o como se conta, pero dependendo de moitas circunstancias podemos precisar a axuda de documentalistas e desde logo de empresas de montaxe que fornezan solucións técnicas, por suposto precisamos colaboradores fotógrafos, realizadores de video, e outras persoas colaboradoras. Tamén é certo que os proxectos deben ser consultados, non só co cliente, senón tamén con especialistas. Mesmo así non é doado discernir en que fase xorde unha idea e como se realiza, o proceso vai ensarillado e, como quere Manolo Gallego «o único método é a teima», como define o arquitecto o estado de obsesión no que os proxectos rebulen e abrollan no noso maxín. Nin que dicir ten que o espazo debe ser unha luva para a museoloxía, que cómpre coñecer o personaxe, definir cales son as súas claves e que se conserva del en arquivos familiares, arquivos institucionais, museos, etc.
Un deseñador sempre debe facer intervir a capacidade de análise e de síntese para ser quen de narrar e remozar ao tempo o personaxe, ponderando as súas facetas, salientando as que interesen, pero ollo, coidado coa museografía: sempre estabelece un sentido, induce unha lectura. Eu procuro desbotar a simulación, aténdome ao que hai de certo. Mesmo así é inevitábel non influír involuntariamente, por exemplo: «Que alta era Rosalía!» Velaí a exclamación dunha visitante á Casa de Rosalía. Viña a propósito da reconstrución dun vestido a partir dunha foto da escritora, pero o manequín que nos cederon é de talla alta e o vestido fíxose para ela; houbo que engulilo. Mesmo así, hoxe non hai na Casa de Rosalía ningún moble de época que non teñamos verificado que pertenceu á familia da escritora.
Cando podo son eu mesmo quen redacta os textos necesarios, poucos, con gancho, con alma ou estritamente informativos. Outras veces é necesario definir de antemán o espazo e facer a encomenda aos documentalistas, se teñen experiencia expositiva farán un bo traballo, procurando desbotar o que non é fundamental, renunciar a contar todo o que se sabe é un proceso que sempre doe, pero debe ser así.
En proxectos expositivos é inevitable intervir no espazo, integrar novas tecnoloxías, seleccionar materiais, adaptar a linguaxe aos diferentes tipos de público, que sexa accesible… Soes traballar con profesionais doutros ámbitos?
Naturalmente cómpre actuar sobre un espazo: circulación, visibilidade, itinerario, sinalización, textos, pezas clave, crear sorpresa, ponderar grandes e pequenos tamaños, iluminación, son... Non hai que agobiarse, hai que ter colaboradores que boguen na mesma dirección, aínda que os orzamentos, sempre escasos, tenden a convertir os deseñadores en profesionais multiusos. Sexa como for, o deseñador sempre ten que marcar o rumbo.
Xa dixen que cómpre pensar dúas veces as decisións que se toman, tendemos a pensar que nós mesmos somos o público, pero hai moitos públicos, desde a xente do lugar, sensíbel ao que se di e como se mostra a súa terra, até visitantes estranxeiros, que pode haber, e que non só requiren un cambio de lingua, senón que requiren outro enfoque máis esencial, con menos sobrentendidos... Normalmente eu opto polo monolingüismo gráfico, acompañando o proxecto de audioguías ou códigos gráficos que remiten a un escrito ou audio noutros idiomas. Hai tamén un público miúdo, que por propio interese ou máis ben por acompañar aos grandes queren ver como o que máis: as alturas deben estar estudadas para permitir a participación dos máis pequenos. Non sempre se logra, pero cómpre atender a todo. O que si é ben difícil é poder integrar nun proxecto persoas que fagan de guía, económicamente é case sempre inviábel. Debemos pensar en proxectos autoguiados.
Es un gran divulgador do deseño en Galicia e traballas para achegalo á sociedade tamén a través de publicacións e artigos periodísticos. Que grao de coñecemento pensas que ten a sociedade sobre o que é o deseño e para que serve?
Isto é un traballo que fago para min, ninguén mo pediu. Pero sei que pode haber outras persoas coma min, deseñadoras ou non, aos que lle interese a historia do deseño. Tamén debo dicir que a historia é parte das miñas querencias, pero desgraciadamente decubrín tarde a escrita, unha práctica coa que agora gozo, e até a xeneralización do acceso a internet era moi dificil para min achegarme a facer consultas en artigos, revistas, arquivos e bibliotecas. Claro que tamén teño unha certa vocación de divulgación, de facer a lectura da imaxe: constato, sempre que me intereso por un tema, que mesmo nun país pobre coma o noso, pouco desenvolvido, sempre xorde algo de interese para, cando menos, un público culto. Quizais tamén, sabendo algo da historia nosa na comunicación visual, pode que os deseñadores poidamos sentir algo de orgullo profesional. Tamén é certo que nese ámbito hai moitas historias que contar. Mentras poida tentarei achegar máis madeira, oxalá vos preste.
En que punto pensas que se atopa o deseño galego respecto doutros territorios ou comunidades? Como eres que debemos pensar o futuro como profesionais?
Estamos cada vez mellor. Quizais desde a xeneralización das tecnoloxías dixitais apareceron profesionais cada vez mellor formados e con máis rigor, e a pesar de vivir nun país pouco industrializado, no que se producen poucos bens de consumo, e contra o vento da metrópole, que segue dominando gran parte do mercado que pode haber, contamos cun grupo de profesionais que nalgún artigo denominei como a «xeración triunfante», porque conseguiron non sen esforzo instalarse e traballar aquí con proxectos ás veces brillantes. Son tantos e tan bos, que as veces emigran e triunfan fóra. Claro que adoitamos ser críticos e queremos ensanchar os xéneros da profesión e as nosas áreas de negocio, e coa nosa ambición profesional os nosos soños son cada vez maiores. Aí estamos.
Se queres coñecer algo máis do traballo gráfico e visual de Pepe Barro:
- Vídeo resumo exposicións: Saúde e Terra irmá(n)s!, Con-fío en Galicia, Galicia 100: cen obxectos para contar unha cultura (2016)
- Vídeo resumo proxecto Casa de Rosalía (2017)
- Libro: Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza. Edicións Xerais de Galicia, 2018
- Colaboración mensual Botar un ollo, no semanario Sermos de Nós diario
Redes sociais: @Barrodesign
gruporevision.net